Estás en:Novas

Xosé Penas destaca o valor de ‘Patrimonio C’ para redescubrir Compostela a través das persoas que construíron a súa historia

O deputado de Patrimonio subliñou na presentación da iniciativa que os itinerarios permiten coñecer «a historia das persoas que definiron o que hoxe configura o gran escenario de Compostela»

Xosé Penas destaca o valor de ‘Patrimonio C’ para redescubrir Compostela a través das persoas que construíron a súa historia

A Deputación da Coruña participou esta mañá na presentación dunha nova edición de 'Patrimonio C', un programa de seis roteiros gratuítos impulsado polo Concello de Santiago para achegar unha nova ollada ao patrimonio histórico da cidade a través das relacións humanas que deixaron pegada na súa configuración ao longo do tempo.

No acto participou o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, quen destacou a importancia dunha iniciativa que permite «ir máis alá da simple visita patrimonial» e afondar «na historia das persoas que definiron o que hoxe configura o gran escenario de Compostela».

Penas incidiu en que, cando se fala de patrimonio, «moitas veces esquecemos todo o que hai detrás da configuración histórico-patrimonial dun territorio» e reivindicou a necesidade de poñer en valor non só os monumentos e espazos físicos, senón tamén as vivencias, relatos e experiencias das persoas que contribuíron a construír ese legado ao longo do tempo.

O deputado provincial salientou que «moitas veces esquecemos quen levou o peso das pedras, quen configurou a nosa historia», e sinalou que propostas como 'Patrimonio C' permiten precisamente recuperar esa dimensión humana do patrimonio, poñendo o foco nas persoas e nas relacións que marcaron a evolución histórica da cidade.

Así mesmo, agradeceu a colaboración entre administracións e puxo en valor o traballo desenvolvido conxuntamente co Concello de Santiago e coa empresa Trivium para facer realidade esta iniciativa. «É importante traballar con xente que sabe facer ben o seu traballo e que, sobre todo, está na mesma sintonía respecto ao patrimonio», afirmou.

Penas animou ademais a participar nos itinerarios e a descubrir «unha Compostela que é moito máis do que supón o Camiño», destacando tamén a relevancia patrimonial e cultural da cidade para toda a comarca e para o conxunto do país.

Programación

Os roteiros de 'Patrimonio C' desenvolveranse os días 22 de abril; 6 e 20 de maio; e 3, 10 e 17 de xuño, sempre ás 19.30 horas, e estarán guiados por Emma Gutiérrez Castro. Cada percorrido terá unha duración aproximada de hora e media e permitirá redescubrir Santiago a través de figuras históricas e vínculos persoais que contribuíron a conformar a memoria e identidade da cidade.

Entre as historias abordadas figuran as de Maruxa e Coralia Fandiño, Camilo Díaz Baliño e Ánxel Casal, Rosalía de Castro e Federico García Lorca, Ramón María del Valle-Inclán e Manuel Otero Acevedo, así como relacións marcadas polo poder como a de Diego Xelmírez e a raíña Urraca I, ou a das irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, pioneiras no ámbito científico.