A Deputación licita a construción de sendas peonís nas estradas DP-5602 e DP-1302, en Negreira, por máis de 725.000 euros
As actuacións previstas sitúanse no tramo que vai de Negreira a Pontenafonso e o que une Negreira e Urdilde
O prazo de presentación das ofertas está aberto ata o 11 de maio
A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación o proxecto de construción de sendas peonís nas estradas provinciais DP-5602, que discorre de Negreira a Pontenafonso, e na DP-1302, que une Negreira e Urdilde, cun orzamento total de 725.971 euros. O prazo de presentación de ofertas está aberto e estenderase ata o 11 de maio.
O obxectivo desta actuación é mellorar a seguridade viaria nestes tramos mediante a creación de espazos diferenciados para o tránsito peonil, garantindo unha maior protección ás persoas ante o paso dos vehículos.
No caso da DP-5602, a zona de actuación é a que dá continuidade ás obras executadas en anos previos na marxe esquerda da estrada, prolongándoa agora ata o punto quilométrico 0+670 nun primeiro treito e que logo avanza do PQ 1+000 ao 1+150, ata chegar ao cemiterio.
No que respecta á DP-1302, as actuacións proxectadas están encamiñadas a darlle continuidade ás obras executas anteriormente. Desta maneira, vaise actuar na marxe dereita dende o PQ 0+360 ao 0+760 e pola esquerda do PQ 0+430 ao 0+530.
O proxecto contempla a construción de dúas sendas peonís a nivel, cun ancho de dous metros, a base de solo seleccionado, zahorra, grava e rega semiprofunda e mestura bituminosa en quente.
Para acadar os anchos previstos, será necesaria a execución de muros de contención de pedra granítica en distintos treitos.
A intervención inclúe tamén a mellora dunha intersección na DP-5602 mediante a ampliación da plataforma e a execución dos accesos, así como a demolición de elementos existentes e o traslado da sinalización.
O proxecto incorpora, ademais, a instalación de sistemas de drenaxe mediante tubaxes de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros para a correcta recollida de augas pluviais, así como canalizacións para o alumeado público ao longo das sendas.
Por último, prevese a colocación de varandas de aceiro inoxidable nos treitos con muros, a instalación de barreiras de seguridade en 360 metros e a renovación da sinalización horizontal co pintado de dobre marca viaria nas marxes afectadas.
