Estás en:Novas

O material médico enviado pola Deputación da Coruña xa salva vidas en Ucraína

A achega de 100.000 euros permitiu dotar de equipamento ao Centro Rexional de Sangue das Forzas Armadas de Ucraína, na cidade de Odesa

O material médico enviado pola Deputación da Coruña xa salva vidas en Ucraína

A Deputación da Coruña vén de completar o envío do material médico financiado a través do convenio de colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA Ucrania), destinado ao Centro Rexional de Sangue das Forzas Armadas de Ucraína, en Odesa, un dos servizos sanitarios estratéxicos no suroeste do país.

A axuda, por importe de 100.000 euros, permitiu a adquisición e posta en funcionamento de equipamento esencial para garantir a recollida, conservación e distribución de sangue e os seus compoñentes, nun contexto no que o sistema sanitario ucraíno continúa sometido a unha enorme presión debido á guerra.

Entre o material subministrado inclúense extractores automáticos de compoñentes sanguíneos, conxeladores rápidos para plasma, mesas refrixeradas de distribución, frigoríficos técnicos, seladores móbiles, conxeladores biomédicos e contedores de sangue con solución anticoagulante. Trátase de equipamentos fundamentais para o funcionamento diario dun servizo que resulta clave tanto na atención a persoas feridas en combate como noutras intervencións médicas urxentes.

A organización benéfica , entidade colaboradora de AGA Ucrania sobre o terreo, informou a través das súas redes sociais da recepción completa do equipamento, subliñando que cada un destes equipos resulta esencial para garantir o procesamento seguro, o almacenamento e o transporte do sangue e dos seus compoñentes. A entidade destaca que este material incrementa de forma directa as posibilidades de supervivencia das persoas feridas e reforza a capacidade de resposta do sistema sanitario na primeira liña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "cada un destes equipos contribúe a salvar vidas nun contexto tan difícil como o que está sufrindo a poboación ucraína" e expresou a satisfacción de que "a solidariedade coruñesa axude a mellorar a capacidade de resposta do sistema sanitario ucraíno".

Formoso subliñou tamén a importancia de manter o compromiso co pobo ucraíno, xa que "aínda que a guerra non ocupe os titulares segue afectando duramente ás vidas de millóns de persoas no país".

Un compromiso continuado coa poboación ucraína

Esta actuación dá continuidade ao compromiso humanitario da Deputación da Coruña co pobo ucraíno desde o inicio da guerra en febreiro de 2022. Nos primeiros meses do conflito, a institución acolleu a 32 persoas refuxiadas na residencia do IES Rosalía Mera, maioritariamente mulleres e menores.

A maiores, tras unha reunión mantida en Madrid co embaixador ucraíno en España, Serhii Pohoreltsev, o presidente da Deputación impulsou o envío de ambulancias que continúan hoxe operativas no país. reforzando a atención de urxencias nas zonas máis afectadas polos bombardeos.

Nos últimos meses, a institución provincial mantivo tamén encontros de traballo con responsables de AGA Ucrania para avaliar novas vías de cooperación, entre elas esta intervención xa executada, que contribúe a reforzar un servizo sanitario esencial durante un período de guerra.