Estás en:Novas

A Deputación apoia a exposición “Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida”, que reúne obras de 56 artistas a favor de Tierra de Hombres

Rosa Ana García participou na inauguración da mostra, que poderá visitarse na sede de Afundación da Coruña ata o 30 de maio

A deputada destacou a colaboración da institución provincial co programa "Viaxe cara á Vida", que facilita tratamento médico en Galicia a nenos e nenas con enfermidades graves que non poden ser atendidas nos seus países de orixe

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou esta tarde na sede de Afundación da Coruña na inauguración da quinta edición da exposición "Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida", unha mostra promovida a favor da ONG Tierra de Hombres e dos dereitos da infancia.

A exposición reúne obras doadas por 56 artistas plásticos, baixo a coordinación de Francis Marrouch, co obxectivo de recadar fondos para apoiar o programa "Viaxe cara á Vida", que permite que nenos e nenas de países africanos con enfermidades graves, pero curables, poidan recibir tratamento médico en Galicia.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García destacou que para a Deputación "é unha gran satisfacción participar nesta inauguración, porque desde hai décadas, a través dos nosos programas de cooperación internacional, colaboramos estreitamente con Tierra de Hombres e co seu programa 'Viaxe cara á Vida'".

A deputada lembrou que esta iniciativa "trae cada ano a Galicia a nenos e nenas que precisan ser tratados ou operados de enfermidades que non poden ser atendidas nos seus países de orixe por falta de medios, de persoal médico ou de recursos sanitarios e económicos".

García puxo en valor o papel da cultura como ferramenta de solidariedade e transformación social. "Esta exposición é un exemplo perfecto de como a arte tamén pode axudar a cambiar realidades. Grazas á xenerosidade destes creadores e creadoras, cada obra convértese nun pequeno xesto capaz de abrir unha oportunidade de saúde e de futuro para a infancia máis vulnerable", afirmou.

A deputada tamén salientou "a cadea humana" que fai posible o programa, formada polos hospitais, nomeadamente o Hospital Materno Infantil e o CHUAC da Coruña, o persoal sanitario, o voluntariado de Tierra de Hombres, as familias de acollida e o colectivo de artistas que participa nesta iniciativa solidaria.

"Sen todos eles, este milagre diario non sería posible", afirmou Rosa Ana García, que animou á cidadanía a achegarse á exposición e colaborar coa causa.

A mostra "Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida" poderá visitarse na sede de Afundación da Coruña ata o 30 de maio. O recadado coa venda das obras destinarase ao apoio dos programas de Tierra de Hombres en defensa da infancia e, especialmente, ao financiamento dos tratamentos médicos incluídos no programa "Viaxe cara á Vida".