A Deputación da Coruña e o Concello de Sada avanzan na cesión das estradas para a apertura do río Maior
A institución provincial levará a pleno en maio o convenio que permitirá formalizar a cesión das vías e financiar as melloras previstas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Sada, Benito Portela, e o concelleiro de Obras e Servizos da localidade, Fernando Fariña, para avanzar no procedemento de cesión das estradas provinciais DP-0812 e DP-0813, un paso necesario para poder executar o proxecto de apertura do río Maior.
No encontro acordouse que a Deputación formalizará un convenio co Concello de Sada para a cesión das dúas vías afectadas pola actuación. O acordo incluirá tamén o financiamento por parte da institución provincial das obras de mellora previstas, que abranguen a renovación das beirarrúas e actuacións de reforzo da seguridade viaria en ambos os dous tramos. Pola súa banda, o Concello asumirá a redacción do proxecto, completando así a intervención no ámbito.
A Deputación elevará este convenio ao pleno provincial no vindeiro mes de maio, co obxectivo de seguir avanzando na tramitación administrativa e posibilitar o inicio das actuacións canto antes.
A cesión destas estradas constitúe un requisito imprescindible para que a Xunta de Galicia poida continuar coa licitación do proxecto de apertura do río Maior, xa redactado. O acordo permite dar un paso relevante cara a unha actuación estratéxica para Sada, orientada a reducir o risco de inundacións e a mellorar a integración urbana e ambiental deste espazo.
