Estás en:Novas

A Deputación participou na presentación do libro "ADEGA: 50 anos coidando a terra"

A Deputación participou na presentación do libro

A Deputación da Coruña puxo en valor o seu compromiso coa defensa do medio ambiente, o apoio ao medio rural e o impulso do ecoloxismo galego, destacando a importancia de seguir avanzando cara a un modelo de desenvolvemento sostible e equilibrado.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, participou na presentación do libro "ADEGA: 50 anos coidando a terra", unha obra que recolle medio século de historia do ecoloxismo en Galicia e da traxectoria da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.

Durante o acto, Capelán destacou o valor de iniciativas como esta para conservar a memoria colectiva e fortalecer a conciencia ambiental da sociedade. "O coidado da terra non é unha opción, senón unha responsabilidade compartida", sinalou.

A deputada subliñou tamén o traballo da Deputación na defensa e dinamización do medio rural e do sector marítimo, unha liña na que se inscribe a colaboración na coedición desta publicación con ADEGA, apoiando proxectos que contribúen a un territorio máis sostible.

Capelán agradeceu o labor desenvolvido por ADEGA ao longo destas cinco décadas, destacando o seu compromiso e capacidade de mobilización como unha entidade clave na defensa ambiental de Galicia.

A celebración deste acto, coincidindo co Día Mundial da Terra, serve para reforzar a necesidade de seguir impulsando políticas que poñan no centro o coidado do territorio e o benestar das xeracións presentes e futuras.