Estás en:Novas

A Deputación licita catro proxectos para potenciar o patrimonio militar e a mobilidade sostible en Ferrolterra, cun investimento de 116.226 euros

As obras, que se executarán en Ferrol, Ares e Valdoviño, forman parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 'Centro Histórico de Ferrol e o Patrimonio Militar da Costa Ártabra', financiado con fondos europeos

O prazo de presentación de ofertas remata o 30 de abril

A Deputación licita catro proxectos para potenciar o patrimonio militar e a mobilidade sostible en Ferrolterra, cun investimento de 116.226 euros

A Deputación continúa desenvolvendo o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) 'Centro Histórico de Ferrol e o Patrimonio Militar da Costa Ártabra' coa licitación de catro proxectos enmarcados na recuperación das baterías militares e do patrimonio histórico na comarca de Ferrolterra. Este conxunto de obras suma un investimento total de 116.226,87 euros e todos están financiados con fondos europeos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salientou a importancia destas obras para o desenvolvemento da zona e afirmou que se está a traballar para que "a costa de Ferrolterra se converta nun referente do turismo sustentable a nivel europeo, aproveitando a singularidade do seu patrimonio militar". Formoso fixo fincapé en que "estas intervencións non son illadas; forman parte dun plan global para xerar novas oportunidades económicas e sociais na zona, relacionando a historia militar de Ferrolterra coas necesidades actuais, apostando pola mobilidade verde"

No concello de Ares, a actuación que se licita céntrase na mellora da comunicación entre o Castelo da Palma e as distintas baterías militares da costa. Este proxecto, orzado en 48.399,99 euros, ten como obxectivo facilitar o acceso a estas fortificacións, facilitando que veciñanza e visitantes poidan coñecelas de xeito cómodo e seguro sen adulterar a paisaxe.

O proxecto que se saca a concurso en Ferrol consiste na mellora da eficiencia da iluminación da Casa Consistorial, localizada na Praza de Armas. Para este fin investiranse máis de 25.000 euros para instalar unha iluminación máis sostible, que reduza o consumo enerxético.

No concello de Valdoviño contémplanse dous proxectos. O primeiro e máis importante consiste na creación dunha senda ciclista que conectará os núcleos de Rodo e Ariño. Terá un custo de 38.124,78 euros e busca promover o uso da bicicleta como alternativa de ocio e transporte nunha das zonas máis visitadas da comarca. Por outra banda, tamén se licita, por pouco máis de 4.000 euros, a subministración de postes de balización do roteiro costeiro, mellorando a orientación dos usuarios nos sendeiros.

O prazo de presentación de ofertas para os catro proxectos remata o vindeiro xoves, 30 de abril.