O estudo xeotécnico encargado pola Deputación confirma que será necesaria unha pantalla de pilotes para estabilizar o talude da DP-4803 en Miño tras o corremento de terras do pasado marzo
A Deputación e o Concello de Miño estudan solucións alternativas para evitar problemas de tráfico na estrada Miño-Perbes durante o verán
A deputada de Vías e Obras subliñou que "a prioridade absoluta da Deputación é a seguridade" e explicou que "o informe confirma que non será unha reparación sinxela, senón unha actuación de gran complexidade técnica, nun talude costeiro de gran altura e cun terreo inestable"
A solución técnica consiste na construcción dunha pantalla formada por 26 pilotes de 1,50 metros de diámetro e 30 metros de lonxitude. O orzamento estimado das obras ascende a 1,2 millóns de euros.
A Deputación da Coruña e o Concello de Miño están a traballar na busca de solucións alternativas para ordenar o tráfico durante os meses de verán na contorna da estrada provincial DP-4803, entre Miño e Pontedeume, despois de que o estudo xeotécnico e topográfico encargado de urxencia pola institución provincial confirmase a necesidade de executar unha pantalla de pilotes para estabilizar o talude afectado polo desprendemento de terras rexistrado o pasado mes de marzo á altura do quilómetro 2,2, nas proximidades da praia de Lago.
O informe conclúe que non se pode garantir a seguridade da estrada no seu estado actual, debido aos danos provocados polo deslizamento na calzada e á inestabilidade do talude. A solución técnica proposta pasa pola execución dunha pantalla de pilotes subparalela á estrada e á liña de costa, unha estrutura de contención que permitirá estabilizar a ladeira, conter as terras afectadas e recuperar a circulación con garantías.
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitou a zona afectada acompañada polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e por técnicos provinciais, para avaliar sobre o terreo a situación actual do vial e analizar as conclusións do estudo.
Segundo recolle o informe, o deslizamento afectou de maneira severa á calzada, provocando gretas, afundimentos e danos importantes no firme, o que obrigou a cortar a circulación por motivos de seguridade. O movemento de terras tamén chegou ata a praia, con arrastre de materiais e fragmentos de formigón, e afectou a unha vivenda situada a media ladeira, comprometendo a súa estabilidade.
O estudo sinala que o talude ten unha altura aproximada de entre 30 e 32 metros desde a estrada ata a praia, polo que a intervención presenta unha especial dificultade técnica. A análise identifica unha masa de terreo deslizada formada por materiais heteroxéneos e de baixa compacidade, así como a presenza de auga no terreo, un factor que pode agravar a inestabilidade da ladeira, especialmente en episodios de choiva ou pola infiltración a través das gretas existentes.
A memoria técnica contempla unha solución de gran entidade, cunha pantalla formada por 26 pilotes de 1,50 metros de diámetro e 30 metros de lonxitude, deseñados para transmitir as cargas do tráfico ata un estrato competente situado en profundidade. O orzamento estimado das obras ascende a 1,2 millóns de euros.
A deputada de Vías e Obars, Mónica Rodríguez, subliñou que "a prioridade absoluta da Deputación é a seguridade das persoas" e explicou que "o informe confirma que non estamos ante unha reparación sinxela, senón ante unha actuación tecnicamente complexa, nun talude costeiro de gran altura e cun terreo inestable".
"A Deputación quere acometer esta actuación coa maior axilidade posible, pero debe facerse con todas as garantías técnicas e de seguridade. O importante é resolver o problema de maneira definitiva e evitar novos riscos no futuro", afirmou a deputada.
Rodríguez explicou tamén que a importante actuación que require o vial non vai estar lista para este verán, polo que institución provincial está a coordinarse co Concello de Miño para estudar posibles alternativas de tráfico durante a época estival, na que se incrementan de forma notable os desprazamentos na contorna da praia de Lago e nas comunicacións entre Miño, Perbes e Pontedeume.
"Sabemos que esta estrada é importante para a mobilidade da zona, especialmente nos meses de verán. Por iso estamos traballando co Concello para buscar a mellor solución posible mentres non poida reabrirse esta estrada con total seguridade", indicou Mónica Rodríguez. "O noso obxectivo é tratar de reducir ao máximo os trastornos á veciñanza e ás persoas que circulan por este vial, pero sen asumir riscos nun tramo no que o informe é rotundamente claro: a seguridade non está garantida no estado actual", engadiu.
A Deputación e o Concello de Miño continuarán a vidneira semana analizando as posibles opcións de mobilidade dispoñibles para a veciñanza e para os visitantes, mentres avanzan os trámites técnicos necesarios para executar a solución definitiva na DP-4803.
