Estás en:Novas

Cristina García destaca en Vedra o compromiso da Deputación cos pequenos concellos e fai fincapé nos máis de 6,3 millóns investidos nesta localidade

A deputada de Plans Provinciais subliñou que o Plan Único garante unha repartición transparente e equitativa dos fondos, permitindo que cada concello decida as súas prioridades de investimento

Vedra conta este ano cunha achega inicial de máis de 724 000 euros da Deputación, que se incrementará co POS adicional

Cristina García destaca en Vedra o compromiso da Deputación cos pequenos concellos e fai fincapé nos máis de 6,3 millóns investidos nesta localidade

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García Rey, visitou hoxe o Concello de Vedra nunha xornada de traballo institucional para coñecer sobre o terreo o desenvolvemento de actuacións financiadas pola Deputación da Coruña ao abeiro do Plan Único (POS). A visita comezou cunha recepción institucional na casa consistorial xunto ao alcalde, Carlos Martínez, e o concelleiro de Obras, Enrique Vázquez. Tamén estiveron presentes tres concelleiros da oposición: Xosé Antonio Pose 'Fou' e Xesús Castro (BNG), así como Begoña González (PSdeG).

Tras o encontro, a comitiva desprazouse para visitar a actuación de reforma dos camiños en Sales, Sarandón e Vilanova, así como o aparcadoiro na Ponte Ulla, unha das intervencións incluídas no POS+2025. Esta obra conta cun investimento de 157.814,29 euros achegados integramente pola Deputación da Coruña para mellorar infraestruturas viarias e servizos no municipio.

Máis de 6,3 millóns desde o 2017

Desde a creación do Plan Único no 2017, Vedra recibiu 6,3 millóns de euros da Deputación da Coruña, unha achega que permitiu impulsar 25 obras e actuacións, consolidando unha aposta sostida pola mellora de infraestruturas, servizos básicos e calidade de vida da veciñanza. Máis de 3 millóns de euros dese total destináronse a investimentos directos en obras de abastecemento, saneamento, mellora de camiños e equipamentos públicos.

Para este ano, Vedra conta cunha achega inicial de 724 681,55 euros a cargo do POS, unha cifra que se verá incrementada ao longo dos vindeiros meses a través de novos plans complementarios, mantendo un nivel de investimento similar ao do pasado ano.

Durante a visita, Cristina García Rey destacou que «o POS naceu para deixar atrás outros plans finalistas que lles dicían aos concellos onde tiñan que investir. Nós apostamos por modelos onde sexan as corporacións locais as que decidan cal é o mellor destino dos fondos».

A deputada provincial subliñou tamén que «o POS ten criterios obxectivos e reparte o diñeiro con transparencia, goberne quen goberne», incidindo en que se trata dunha ferramenta que «aposta por unha repartición xusta e equitativa».

Nesa mesma liña, puxo en valor que este modelo de financiamento «permítelles ao goberno e aos grupos na oposición facer un traballo máis efectivo e pensando sempre na veciñanza», reforzando así a capacidade de decisión municipal e a cooperación institucional.