Estás en:Novas

O presidente da Deputación visita Congalsa e destaca o seu papel como motor industrial da provincia

Formoso afirma que Congalsa "representa o mellor do tecido industrial da nosa provincia: combina innovación e tradición e mostra que desde Galicia se pode competir nos mercados nacionais e internacionais cun modelo produtivo moderno e sostible", sinalou

O presidente da Deputación visita Congalsa e destaca o seu papel como motor industrial da provincia

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ás instalacións de Congalsa na A Pobra do Caramiñal, onde foi recibido por Luis Miguel Simarro, presidente da Corporación Empresarial Congalsa; Noela Prieto, directora xeral, e Isabel Cañas, directora de Relacións Externas. Na visita participaron tamén o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, e a concelleira Patricia Lojo. 

Á súa chegada ás instalacións, o presidente da Deputación e o presidente da compañía atenderon aos medios de comunicación nunhas declaracións nas que puxeron en valor a importancia do sector industrial e alimentario para o desenvolvemento económico da comarca do Barbanza e do conxunto da provincia.

Durante a súa intervención, Valentín González Formoso destacou a traxectoria de Congalsa como exemplo de empresa galega que soubo medrar mantendo o arraigo no territorio. "Congalsa representa o mellor do tecido industrial da nosa provincia: combina innovación e tradición, capacidade exportadora e compromiso con esta comarca. É unha mostra de que desde Galicia se pode competir nos mercados nacionais e internacionais cun modelo produtivo moderno e sostible", sinalou.

O presidente da Deputación subliñou tamén o impacto da compañía na xeración de emprego e na fixación de poboación: "Empresas como Congalsa son fundamentais para garantir oportunidades laborais de calidade e para fortalecer a cohesión social e económica das nosas comarcas. Desde a Deputación seguiremos apoiando o tecido empresarial que aposta pola innovación, pola sustentabilidade e pola creación de riqueza".

Para rematar a súa intervención, Formoso fixo fincapé en que Congalsa é unha das principais empresas "da cuarta provincia de España en distribución de produtos agroalimentarios e a primeira en produtos vinculados á transformación agroalimentaria do mar" e que é unha das principais responsables do "emprego feminino da costa" que hai na provincia.

Pola súa banda, Luis Miguel Simarro agradeceu a visita institucional do presidente provincial e puxo en valor o papel da compañía como referente de desenvolvemento económico e social no Barbanza. O presidente da Corporación Empresarial Congalsa destacou que a empresa, con presenza tanto no ámbito nacional como internacional, aposta "por un modelo industrial moderno, sostible e xerador de emprego", consolidándose como un "motor clave" para a cohesión e a dinamización económica da provincia.

Fundada en 1990 na Pobra do Caramiñal, Congalsa converteuse ao longo de máis de tres décadas nunha das compañías de referencia do sector da alimentación ultraconxelada en Galicia. Especializada na elaboración de produtos do mar e pratos preparados conxelados, a empresa combina tradición mariñeira e tecnoloxía avanzada para abastecer tanto o mercado nacional como o internacional. Cunha clara aposta pola innovación, a calidade e a seguridade alimentaria, Congalsa desenvolve solucións adaptadas ao canal retail e horeca, exportando a numerosos países e consolidando unha posición competitiva baseada na mellora continua dos seus procesos produtivos.

Tras as declaracións aos medios, a comitiva realizou un percorrido polas instalacións da planta, onde puideron coñecer de primeira man os diferentes procesos produtivos, as liñas de innovación e as iniciativas vinculadas á sustentabilidade e á mellora continua que Congalsa está a desenvolver.

A visita enmárcase na liña de contacto permanente da Deputación co tecido empresarial da provincia, co obxectivo de coñecer as súas necesidades, apoiar o seu crecemento e reforzar a colaboración institucional como ferramenta para impulsar o desenvolvemento económico e social da Coruña.