Sol Agra reivindica «mil primaveras máis» para Begoña Caamaño e a nosa lingua na presentación dun documental sobre a homenaxeada do Día das Letras
Sol Agra destacou a pegada fonda e duradeira de Begoña Caamaño, subliñando que o seu legado transcende con moito o marco simbólico do Día das Letras Galegas
A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, participou este luns no Salón Teatro de Santiago de Compostela na presentación do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, unha homenaxe á xornalista e escritora galega que serviu para reivindicar a dimensión literaria, social e feminista dunha autora fundamental das letras galegas contemporáneas.
Durante a súa intervención, Sol Agra destacou a pegada fonda e duradeira de Begoña Caamaño, subliñando que o seu legado transcende con moito o marco simbólico do Día das Letras Galegas. «Non chegará o ano 2026 para agradecerlle a Begoña Caamaño todo o que fixo polo feminismo nas súas dúas novelas, non será unha autora que quede no ano das letras», afirmou, para engadir que «Begoña Caamaño será lida por moitas xeracións que virán despois».
A deputada incidiu tamén na dimensión da perda que supuxo a súa morte prematura, ao lembrar «todo o grande que tiña para achegarnos, os escritos que non imos lerlle, os libros que seguirían engrandecendo a nosa literatura, as súas palabras certeiras detrás das ondas da radio, as opinións que nos guiarían para entender como posicionarnos na defensa das causas xustas».
Sol Agra pechou a súa intervención cunha reivindicación emotiva da permanencia da autora na cultura galega: «Por mil primaveras máis para Begoña Caamaño e as letras galegas».
O acto reuniu tamén o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; Beatriz Caamaño, irmá da autora; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha cita que incluíu a proxección do documental e un coloquio posterior con Víctor F. Freixanes, Damián Varela e Alba López.
