Estás en:Novas

Este sábado 2 de maio despega a primeira edición de (IN)VISUAL, un novidoso ciclo de concertos audiovisuais inmersivos impulsado pola Deputación da Coruña

Este mes de maio, (IN)VISUAL levará a mellor cultura dixital contemporánea ao maior plató de produción virtual de España, Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, onde antes se atopaba a antiga Fábrica de Armas da Coruña

O concerto de MAOTIK deste sábado, 2 de maio, esgotou xa todas as súas entradas, mentres que os últimos tíckets dispoñibles para o resto de actuacións –gratuítos, cun depósito de 5 euros para a súa reserva, que serán reembolsados de xeito automático no momento do acceso– están dispoñibles en Ataquilla

Este sábado 2 de maio despega a primeira edición de (IN)VISUAL, un novidoso ciclo de concertos audiovisuais inmersivos impulsado pola Deputación da Coruña

Este mes de maio, a cultura dixital contemporánea tomará a cidade da Coruña co nacemento de (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que terá lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC.

Así o presentou a mañá deste mércores, 29 de abril, a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, nunha rolda de prensa na Deputación da Coruña, na que estivo acompañada polo curador musical do ciclo, Xulio Vázquez, de HITO Cultura & Tecnoloxía.

A deputada apuntou que "a Deputación da Coruña fai unha aposta decidida por (IN)VISUAL, un proxecto que sitúa á nosa provincia na vangarda da creación contemporánea. O CEI é un recurso público ao servizo da innovación e a cultura: son 2.000 metros cadrados dotados da tecnoloxía máis avanzada, que hoxe se erixe como o corazón dun ecosistema creativo sen precedentes en todo o estado español. Este plató está preparado para ser o motor dunha industria audiovisual cada vez máis potente pero, tamén, para ser un laboratorio de experimentación no que arte e tecnoloxía van da man. Con (IN)VISUAL estamos ante unha invitación para poder coñecer este espazo dun xeito diferente". E rematou: "convidamos a toda a cidadanía a que se achegue ao ciclo estes primeiros catro sábados do mes de maio".

Pola súa banda, Xulio Vázquez destacou que "a potencia do proxecto reside, tamén, en vincular un espazo industrial descoñecido, a antiga fábrica de armas da Coruña, e o seu paradigma industrial, co paradigma de futuro e tecnolóxico que representan a Cidade das TIC e o CEI". O curador de (IN)VISUAL puxo tamén en valor a calidade das propostas artísticas do ciclo, "cun programa ambicioso e excepcional, con figuras de referencia da escena internacional e galega, que exploran as capacidades expresivas da tecnoloxía, a IA, o arte inmersivo e xenerativo e a música audiovisual creada en vivo".

As experiencias de (IN)VISUAL levaranse a cabo os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos LIVE AV e un cartel que contará coa presencia dos e das artistas de referencia da cultura audiovisual contemporánea galega, española e internacional MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111.

O concerto de MAOTIK deste sábado, 2 de maio, esgotou xa todas as súas entradas, mentres que os últimos billetes dispoñibles para o resto de actuacións –gratuítos, cun depósito de 5 euros para a súa reserva, que serán reembolsados de xeito automático no momento do acceso– están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com: https://entradas.ataquilla.com/es/minisites/dfb9d01c-28in29visual

Este novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO, no marco do CEI Lab. CEI Lab é unha iniciativa promovida polo Departamento de Desenvolvemento e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, orientada ao impulso de proxectos emprendedores de base dixital e tecnolóxica. O seu obxectivo é contribuír á vertebración territorial da provincia mediante a innovación e o desenvolvemento sostible.

A CORUÑA, PUNTA DE LANZA DA CULTURA TECNOLÓXICA CONTEMPORÁNEA

Máis que un evento musical ou un ciclo de concertos, (IN)VISUAL é un dispositivo cultural que conecta territorio, tecnoloxía e creación, convidando a imaxinar como poden ser os espazos culturais da Coruña do mañá.

Así, (IN)VISUAL é concibida como unha experiencia cultural singular, unha cita contemporánea que funciona como relato da cidade do futuro. A proposta sitúase nun punto de tensión estética entre dous mundos: o dunha infraestrutura industrial ligada ao pasado produtivo –a antiga Fábrica de Armas da Coruña, onde hoxe sitúase o CEI– e o das prácticas dixitais que están a redefinir o presente e o futuro da cultura.

O evento impulsado pola Deputación da Coruña acontece nun espazo industrial que conserva a memoria material da Coruña como cidade de traballo e transformación. Sobre ese escenario emerxen linguaxes artísticas profundamente contemporáneas como o LIVE AV, prácticas audiovisuais que combinan son, imaxe e tecnoloxía en tempo real. Esta superposición constrúe unha narrativa baseada na oposición e na continuidade entre industrial e dixital, pasado e futuro, tradición e innovación.

(IN)VISUAL busca converter o CEI da Deputación da Coruña nun espazo cultural de vangarda, atento ás novas prácticas artísticas xurdidas das dixitalidades contemporáneas e como panca de progreso, tamén no terreo do simbólico.

Neste diálogo entre tempos e linguaxes, (IN)VISUAL propón unha nova imaxe da cidade da Coruña: unha cidade conectada coa cultura tecnolóxica contemporánea, aberta ás novas formas de creación e capaz de activar espazos industriais como motores simbólicos de futuro. Así, o evento impulsado pola Deputación da Coruña non só presenta contidos artísticos, senón que reforza a idea de que iniciativas como esta forman parte dun relevo estético, social e tecnolóxico que redefine o ecosistema cultural da cidade.

A través dunha narrativa baseada en conceptos como futuro, dixitalidade, cultura contemporánea, experimentación e experiencia, (IN)VISUAL diríxese tanto ao público xeral curioso pola innovación como, especialmente, a unha audiencia vinculada á cultura contemporánea e ás prácticas artísticas experimentais.

SOBRE O CEI, O MAIOR ESTUDO DE PRODUCIÓN VIRTUAL DE ESPAÑA

Coruña Estudio Inmersivo, o CEI, é o maior estudio de produción virtual de España, chamado a liderar a nova xeración de producións audiovisuais en Europa. Está situado na Cidade das TIC da Coruña e ocupa unha nave de 2.000 metros cadrados, que alberga un plató inmersivo de 800 metros cadrados, equipado coa tecnoloxía máis vangandista en realidade virtual, aumentada e estendida. O proxecto, cofinanciado pola Deputación da Coruña e polo Goberno de España a través de fondos europeos Next Generation, supuxo un investimento de 9 millóns de euros.

O CEI permiten crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real. Trátase dun centro de primeiro nivel en Europa, cunha infraestrutura que permite á industria galega, nacional e internacional producir contidos sen límites técnicos, combinando localizacións naturais con escenarios virtuais inmersivos.

Cunha combinación única de talento, tecnoloxía e investimento, en apenas un ano de vida, o CEI está a posicionar a Galicia como destino audiovisual competitivo a nivel internacional, ademais de ser un referente da produción audiovisual inmersiva en España. Este complexo audiovisual único sitúase na Cidade das TIC, a poucos minutos do centro da cidade e a menos de 5 km do aeroporto da Coruña. É un espazo de futuro no que a produción audiovisual se fusiona coa industria TIC e a formación, impulsando a innovación, o talento e o desenvolvemento económico da rexión.

INFORMACIÓN PRÁCTICA (IN)VISUAL

Lugar: Coruña Estudio Inmersivo (CEI) – Avenida de Pedralonga, 32, A Coruña

Datas e programa:

Sábado 02.05. MAOTIK Sold out

Sábado 09.05. Marta Verde & José Venditti

Sábado 16.05. Estela Oliva & Ana Quiroga

Sábado 23.05. MIL111

Apertura de portas: 19.30 h - Inicio da experiencia: 20.00 h

Reserva de entradas: Ataquilla.com

A entrada ás experiencias de (IN)VISUAL é gratuíta, pero será necesario realizar un depósito de 5 euros por entrada no momento da súa adquisición a través da plataforma Ataquilla.com. Cando o público rexistre o seu billete entrada no acceso ao recinto, recibirá de forma automática o reembolso do seu depósito.

Traslados: o público poderá acudir ao recinto polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo poñerá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, núm.10, contra ás 19.00 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do inicio do espectáculo, terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC. De 20.00 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk, cunha charla cos e coas artistas implicados e implicadas unha vez que remate o concerto. Ás 21.30 horas, o público que faga uso de autobús estará de volta en Juan Flórez, núm. 10.

SOBRE AS EXPERIENCIAS

02.05. Between Lines, de MAOTIK

Between Lines é unha performance audiovisual inmersiva que combina pantalla LED e láseres para crear en tempo real un espazo arquitectónico dinámico a partir de datos de audio, como a frecuencia e o espectro do son, xerando así unha experiencia en constante evolución. Mathieu Le Sourd, tamén coñecido como MAOTIK, é un artista dixital francés especializado en contornas inmersivas e arte xerativa que integra ciencia, tecnoloxía e estética visual. O seu traballo, inspirado na natureza e baseado no azar, emprega software propio para transformar a percepción da realidade e implicar ao público en experiencias únicas onde imaxes, son e algoritmos se fusionan nunha vivencia artística total.

09.05. Prima Materia, de Marta Verde & José Venditti

Prima Materia é a orixe da transmutación, a materia bruta antes da iluminación dourada. Na tradición alquímica, representa a substancia primixenia da que todo pode xurdir: o estado previo á conversión do chumbo en ouro, do caos en orde, da sombra en luz. Este novo proxecto de José Venditti e Marta Verde propón un live audiovisual que se adentra na crueza do son e na fisicidade da imaxe desde unha aproximación esencial e matérico-sensorial. Resonancias sonoras e visuais entrelázanse en tempo real, creando unha experiencia inmersiva e orgánica.

Marta Verde e José Venditti son un dúo de artistas que leva desenvolvendo performances audiovisuais desde 2015. No seu traballo exploran os límites da melodía e o ruído, harmonía e tensión, repetición e aleatoriedade, nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Os seus proxectos artísticos foron presentados en espazos e eventos tan sinalados como o Museo Nacional Reina Sofía, o Festival In Sonora, LA Contemporary Dance Company, Performa NYC, L.E.V, o Festival Mira, o Centro Cultural Conde Duque, o Espacio Fundación Telefónica, La Casa Encendida, o Círculo de Bellas Artes, Medialab Prado, etc.

16.05. Azabache AV, de Estela Oliva & Ana Quiroga

Este concerto audiovisual reúne a música de Ana Quiroga coa obra visual de Estela Oliva. Azabache conecta sons doutro mundo nunha exploración ritualista das raíces familiares, as tradicións folclóricas, os amuletos sagrados e a maxia. A interpretación artística de Estela é un portal cara a unha performance inmersiva que fusiona o físico e o virtual. A través de linguaxes próximas ao cinema experimental, os videoxogos e as realidades virtuais, a obra desenvólvese como live cinema no que a imaxe, o son e o espazo se constrúen en tempo real.

Azabache AV foi comisionado para o 30 aniversario de Sónar Barcelona e, antes de visitar A Coruña esta primavera, foi presentado no Festival Imágenes Madrid, no Museo Can Framis e na Noite Branca Sueca. Ao longo da súa colaboración, Ana e Estela desenvolveron conxuntamente performances en vivo, concertos, experiencias inmersivas e narrativas audiovisuais. As súas obras presentáronse internacionalmente en festivais, eventos e plataformas de música electrónica e arte dixital de referencia como Sónar, MUTEK, Festival de Atenas de Arte Dixital e Festival MIRA.

23.05. Sin título 0.1, de MIL111

Sin título 0.1 é unha experiencia audiovisual de MIL111 que propón un espazo de encontro entre o suxeito e o seu reflexo. A pantalla represéntase como un significante: unha superficie aberta que non contén un significado fixo, senón que agarda ser interpretada. As imaxes, os sons e os silencios funcionan como fragmentos que cada visitante debe articular desde a súa propia experiencia, memoria e desexo. Formas abstractas, cores en transición e paisaxes sonoras mínimas constrúen unha narrativa aberta que se achega á estrutura dunha meditación: un tempo suspendido no que a atención se despraza lentamente entre percepción, pensamento e emoción.

MIL111 é un dúo artístico formado polos artistas visuais Iria del Bosque e Borja Bernárdez. O seu traballo sitúase no ámbito da arte dos novos medios e reflexiona sobre os procesos emocionais e cognitivos do ser humano desde unha perspectiva metafísica evolutiva. A través de diferentes propostas formais e mediante o uso da luz, o espazo, o son e a imaxe, buscan reflexionar sobre a conciencia do ser, a súa existencia no mundo e as múltiples formas nas que o ser humano enche os baleiros existenciais.