Estás en:Novas

A Área de Lingua da Deputación achegará o legado de Begoña Caamaño a toda a provincia cun programa anual polo Día das Letras Galegas

«O 17 de maio é unha data chave, pero a nosa vontade é que Begoña Caamaño sexa celebrada durante todo o ano», explicou a deputada de Lingua, Sol Agra

A programación incluirá distribución de libros, actividades nos concellos, música e un gran acto central en Santiago de Compostela para expandir entre as novas xeracións o pensamento e a obra da autora homenaxeada

A Área de Lingua da Deputación achegará o legado de Begoña Caamaño a toda a provincia cun programa anual polo Día das Letras Galegas

A Área de Lingua da Deputación da Coruña impulsará ao longo de todo o ano unha ampla programación para sumarse á homenaxe da Real Academia Galega a Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas 2026. O departamento que dirixe Sol Agra Tuñas anunciou este luns en rolda de prensa un conxunto de propostas que procura divulgar entre públicos de todas as idades a vida, a obra e o pensamento da escritora, xornalista, feminista e activista social.

A responsábel provincial de Lingua destacou que desde a Deputación «queremos contribuír a que Begoña Caamaño chegue a todos os recunchos da provincia, porque a súa obra, o seu pensamento e o seu compromiso continúan sendo imprescindíbeis para entender o presente».

A campaña conta cunha identidade visual específica creada pola ilustradora Andreea Birsanu —coñecida como Silvatiica—. Baixo o lema 'As letras das Circes e as Morganas', consiste nunha proposta artística concibida a partir dunha fotografía da autora e construída ao redor da simboloxía de Circe e o pracer do azul, incorporando elementos vinculados ao feminismo, á sororidade, ao activismo antimilitarista e á fortaleza «que marcaron a súa traxectoria vital e intelectual», subliñou a deputada.

«Queremos que esta homenaxe sexa tamén unha proposta cultural con identidade propia», capaz de representar a esencia dunha escritoras «que fixo da palabra unha ferramenta de transformación», abondou Sol Agra en referencia á autora de Morgana en Esmelle e Circe e o pracer do azul.

A deputada subliñou que o 17 de maio «é unha data chave, pero a nosa vontade é que Begoña Caamaño sexa lida, cantada e celebrada durante todo o ano e moito máis alá desta efeméride».

Actos programados

O acto central, o 17 de maio, celebrarase na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela. Consistirá no espectáculo 'De Circes e Morganas', unha proposta coral de audiovisual, poesía e música que reunirá diversas artistas para converter o Día das Letras Galegas nunha celebración colectiva, dinámica, participativa e festiva.

Outras accións previstas son a distribución de libros recentemente editados sobre Begoña Caamaño, destinados a centros educativos, bibliotecas escolares e bibliotecas municipais, con títulos adaptados a distintas franxas de idade. Tamén, o reparto da súa primeira novela, a xa mencionada Circe e o pracer do azul, entre bibliotecas e institutos con Bacharelato.

Sol Agra incidiu en que é «fundamental» que as novas xeracións poidan achegarse «non só ás novelas de Begoña, senón tamén ao seu pensamento, aos seus artigos e á súa ollada crítica, porque seguen sendo profundamente actuais».

A programación incluirá contacontos ilustrados e musicados, obradoiros literarios e musicais, actividades en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, alén dunha proposta de escrita creativa na Biblioteca Provincial, co obxectivo de estender o coñecemento da autora por todo o territorio provincial mediante formatos diversos e participativos.

A música terá tamén un papel destacado coa distribución do libro-disco Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, de Uxía, e coa organización de catro actuacións da artista xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec en distintos concellos.

«Begoña Caamaño foi unha creadora e unha activista que abriu camiños, e queremos que esta celebración incorpore tamén voces e expresións artísticas que continúan esa forza transformadora», concluíu Sol Agra.