Estás en:Novas

A Deputación apoia á Comunidade de Montes de Pena-Leiro (Rianxo) na mellora da súa actividade de silvopastoreo

Cristina Capelán visitou hoxe a entidade, beneficiaria dunha das 38 axudas da Deputación para entidades agrarias, labregas e forestais

A deputada de Medio Rural destacou que o silvopastoreo "axuda a previr incendios e dálle un uso produtivo ao monte"

A Deputación apoia á Comunidade de Montes de Pena-Leiro (Rianxo) na mellora da súa actividade de silvopastoreo

A Deputación da Coruña apoia con 9.200 euros a mellora das instalacións gandeiras e a adquisición de equipamento relacionado coa actividade de silvopastoreo da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común Pena-Leiro, no concello de Rianxo.

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou hoxe a comunidade para coñecer de primeira man a súa actividade e os investimentos financiados pola institución provincial dentro da liña de subvencións a entidades agrarias, labregas, forestais e de desenvolvemento rural para investimentos, que este ano suma 224.825 euros e beneficia a 38 entidades.

Durante a visita, Capelán puxo en valor o traballo que desenvolven as comunidades de montes como axentes fundamentais na conservación, ordenación e aproveitamento sostible do territorio. "As comunidades de montes son pezas clave para manter vivo o rural, coidar o monte e previr incendios", afirmou.

O proxecto subvencionado pola Deputación permitirá mellorar as instalacións gandeiras da comunidade e adquirir novo equipamento necesario para avanzar na implantación da gandería rexenerativa e do silvopastoreo nos montes que xestiona a entidade. Entre os investimentos previstos figuran unha carpa para o gando, unha carpa para forraxe, colares virtuais con GPS para a creación de valados virtuais, cámaras de vixilancia, contedores de alimento e mangas de manexo para facilitar tarefas de saneamento e coidado dos animais.

Cristina Capelán destacou que "o silvopastoreo é unha ferramenta moi útil para compatibilizar a actividade gandeira coa conservación do monte, porque permite diminuír o risco de incendios e, ao mesmo tempo, xerar actividade económica".

A deputada subliñou tamén que este tipo de investimentos "axudan a pasar dun modelo de monte centrado case exclusivamente no aproveitamento madeireiro a outro máis diverso, no que teñen cabida a gandería extensiva, a prevención de lumes, a biodiversidade e a produción de alimentos de calidade".

A Comunidade de Montes de Leiro está apostando nos últimos anos pola introdución da gandería rexenerativa como vía para avanzar na prevención de incendios forestais, promover a biodiversidade, mellorar o benestar animal e dinamizar o medio rural. Segundo a memoria do proxecto, o gando pode xogar un papel clave na prevención dos lumes ao alimentarse da vexetación baixa e das matogueiras, reducindo así a cantidade de material inflamable.

A actuación beneficia directamente ás 219 persoas comuneiras rexistradas, aínda que a entidade estima que o impacto positivo se estende ao conxunto da parroquia de Leiro, con arredor de 1.000 habitantes, e tamén ao resto do concello de Rianxo e da súa área de influencia.

Capelán salientou ademais a dimensión colectiva deste tipo de proxectos, xa que a Comunidade de Montes de Leiro colabora activamente con outras comunidades do concello de Rianxo e tamén de municipios limítrofes como Dodro e Boiro, a través da Plataforma pola Defensa do Monte, compartindo experiencias, coñecemento, materiais e equipamentos.