Este sábado 9 de maio, (IN)VISUAL continúa cunha nova experiencia a cargo da pioneira Marta Verde e o músico José Venditti
O ciclo de concertos audiovisuais inmersivos impulsado pola Deputación da Coruña leva de novo esta fin de semana a mellor cultura dixital contemporánea ao maior plató de produción virtual de España, Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, onde antes se atopaba a antiga Fábrica de Armas da Coruña
Este sábado 9 de maio, (IN)VISUAL continúa cunha nova experiencia a cargo da pioneira Marta Verde e o músico José Venditti. O ciclo de concertos audiovisuais inmersivos impulsado pola Deputación da Coruña leva de novo esta fin de semana a mellor cultura dixital contemporánea ao maior plató de produción virtual de España, Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, onde antes se atopaba a antiga Fábrica de Armas da Coruña
Habituais de espazos de referencia para a cultura contemporánea internacional como Medialab Prado, L.E.V., Casa Encendida ou o Museo Reina Sofía, o tándem artístico formado por Marta Verde & José Venditti presentará no CEI da Coruña, este sábado, ás 20.30h, a súa obra Prima Materia, unha experiencia inmersiva e orgánica que xoga en directo cun saxofón sintetizado.
(IN)VISUAL continuará o sábado 16 de maio, ás 20.30h, da man de Estela Oliva & Ana Quiroga; mentres que o colectivo de orixe vigués MIL111 clausurará o ciclo o sábado 23 de maio, tamén ás 20.00 horas.
O concerto de Marta Verde & José Venditti colgou xa o cartel de 'entradas esgotadas', mentres que os últimos tíckets para as dous experiencias restantes están dispoñibles en Ataquilla: o acceso é gratuíto, cun depósito de 5 euros para a súa reserva, que serán reembolsados de xeito automático na entrada ao recinto.
SOBRE (IN)VISUAL, IMPULSADO POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA
Este mes de maio, a cultura dixital contemporánea toma a cidade da Coruña co nacemento de (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que ten lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC.
As experiencias de (IN)VISUAL están programadas os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos LIVE AV e un cartel que contará coa presencia dos e das artistas de referencia da cultura audiovisual contemporánea galega, española e internacional MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111.
Este novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO, no marco do CEI Lab. CEI Lab é unha iniciativa promovida polo Departamento de Desenvolvemento e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, orientada ao impulso de proxectos emprendedores de base dixital e tecnolóxica. O seu obxectivo é contribuír á vertebración territorial da provincia mediante a innovación e o desenvolvemento sostible.
SOBRE O CONCERTO AUDIOVISUAL DESTA FIN DE SEMANA
09.05. Prima Materia, de Marta Verde & José Venditti
Prima Materia é a orixe da transmutación, a materia bruta antes da iluminación dourada. Na tradición alquímica, representa a substancia primixenia da que todo pode xurdir: o estado previo á conversión do chumbo en ouro, do caos en orde, da sombra en luz. Este novo proxecto de José Venditti e Marta Verde propón un live audiovisual que se adentra na crueza do son e na fisicidade da imaxe desde unha aproximación esencial e matérico-sensorial. Resonancias sonoras e visuais entrelázanse en tempo real, creando unha experiencia inmersiva e orgánica.
Marta Verde e José Venditti son un dúo de artistas que leva desenvolvendo performances audiovisuais desde 2015. No seu traballo exploran os límites da melodía e o ruído, harmonía e tensión, repetición e aleatoriedade, nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Os seus proxectos artísticos foron presentados en espazos e eventos tan sinalados como o Museo Nacional Reina Sofía, o Festival In Sonora, LA Contemporary Dance Company, Performa NYC, L.E.V, o Festival Mira, o Centro Cultural Conde Duque, o Espacio Fundación Telefónica, La Casa Encendida, o Círculo de Bellas Artes, Medialab Prado, etc.
INFORMACIÓN PRÁCTICA (IN)VISUAL
Lugar: Coruña Estudio Inmersivo (CEI) – Avenida de Pedralonga, 32, A Coruña
Datas e programa:
Sábado 02.05. MAOTIK Sold out I Sábado 09.05. Marta Verde & José Venditti Sold out
Sábado 16.05. Estela Oliva & Ana Quiroga I Sábado 23.05. MIL111
Apertura de portas: 19.30h - Inicio da experiencia: 20.00h
Reserva de entradas: Ataquilla.com
A entrada ás experiencias de (IN)VISUAL é gratuíta, pero será necesario realizar un depósito de 5 euros por tícket no momento da súa adquisición a través da plataforma Ataquilla.com. Cando o público rexistre a súa entrada no acceso ao recinto, recibirá de forma automática o reembolso do seu depósito.
Traslados: o público poderá acudir ao recinto polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo poñerá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, nº 10, contra ás 19.00 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do inicio do show, terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC. De 20.00 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk, cunha charla cos e coas artistas implicados e implicadas unha vez rematado o concerto. Ás 21.30 horas, o público que faga uso de autobús estará de volta en Juan Flórez, nº 10.
