Regueira reivindica o Noroeste como «un referente» que é «moito máis ca música» tras case catro décadas de historia
Este venres presentouse o adianto do cartel do Noroeste 2026, que en agosto reunirá na Coruña artistas internacionais e referentes da música galega en sete escenarios da cidade
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este venres no Palacio dos Deportes de Riazor na presentación dun adianto do cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2026, que se celebrará na cidade da Coruña entre os días 5 e 8 de agosto.
Durante o acto déronse a coñecer algúns dos nomes que formarán parte da programación desta 39.ª edición, entre eles Dorian, Echo & The Bunnymen, Mari Froes, Bongeziwe Mabandla, Bala, Moura, Ruxe Ruxe ou Sés, nun cartel que combinará artistas internacionais, propostas estatais e bandas galegas.
O festival desenvolverase en sete escenarios distribuídos por distintos espazos da cidade, entre eles Riazor, María Pita, Campo da Leña, Santo Antón ou O Portiño.
Na súa intervención, Regueira destacou a longa traxectoria do festival, case catro décadas que o converteron «nun referente». Segundo o vicepresidente, o Noroeste «é moito máis ca música, é tamén o impresionante espazo en que se desenvolve, é comunidade».
Para o vicepresidente, este evento é «un símbolo das festas» que ao longo dos anos foi cambiando, «adaptándose aos tempos, sen por iso perder a súa esencia». Así mesmo, subliñou o impacto positivo para a hostalaría coruñesa dos milleiros de visitantes que se achegarán á cidade atraídas polo festival.
Por último, Regueira tamén lembrou que estivo na primeira edición do festival, en 1986, e rememorou algúns dos grupos que formaban parte do cartel, como Método Sueco, Los Dramáticos, Siniestro Total ou Radio Océano, entre outros.
