Estás en:Novas

A Deputación destina preto de 23.000 euros a mellorar os medios e instalacións das confrarías de Carreira-Aguiño e Ribeira

O BOP publica hoxe a concesión de dúas axudas por importe total de 22.780 euros dentro da liña provincial de apoio a investimentos das confrarías

A Confraría de Carreira e Aguiño recibirá 17.360 euros para adquirir un remolque isotérmico e mellorar as súas instalacións, mentres que a de San Pedro de Ribeira contará con 5.420 euros para actuacións no tellado, o faiado e a fachada

A Deputación destina preto de 23.000 euros a mellorar os medios e instalacións das confrarías de Carreira-Aguiño e Ribeira

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a concesión de dúas axudas da Deputación da Coruña destinadas a investimentos en confrarías de pescadores do concello de Ribeira, por un importe total de 22.780 euros.

As subvencións enmárcanse na liña provincial de apoio ás entidades do sector pesqueiro e marisqueiro para mellorar os seus medios materiais, a súa capacidade operativa e as condicións das instalacións nas que desenvolven a súa actividade.

A Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño recibirá unha achega de 17.360 euros para dúas actuacións complementarias: a adquisición dun remolque isotérmico para o transporte de produtos pesqueiros en fresco ata a lonxa e a mellora integral das instalacións da entidade, coa dotación de mobiliario, equipamento e sistemas de climatización.

O novo remolque permitirá trasladar os produtos desde o punto de descarga ata a lonxa en condicións adecuadas de conservación, hixiene e seguridade alimentaria, garantindo tamén a trazabilidade e a calidade da mercadoría na fase previa á primeira venda. Segundo a memoria presentada pola entidade, o investimento beneficiará directamente a 213 persoas vinculadas á descarga, manipulación e comercialización dos produtos pesqueiros.

A segunda actuación prevista na confraría de Carreira e Aguiño permitirá renovar mobiliario, mellorar distintos espazos internos e incorporar equipamento actualizado para facilitar o traballo administrativo, as reunións e as actividades formativas da entidade. Tamén se prevé a instalación dun sistema de climatización eficiente para mellorar o confort das dependencias.

Pola súa banda, a Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira contará cunha axuda de 5.420 euros para a reparación do tellado, o acondicionamento do faiado e a mellora da fachada do edificio. A actuación dá continuidade aos traballos de conservación e mellora da sede da entidade, co obxectivo de corrixir deficiencias, evitar filtracións e garantir un mellor estado das instalacións.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, destacou que estas axudas "teñen unha utilidade directa para o día a día das confrarías" e incidiu en que "as confrarías son pezas fundamentais na economía do mar, na organización da actividade pesqueira e marisqueira e na vida social dos portos", polo que "a Deputación seguirá apoiando investimentos que reforcen a súa capacidade de traballo e contribúan a modernizar o sector".

Con estas dúas subvencións, a Deputación da Coruña reforza o seu apoio ao tecido pesqueiro e marisqueiro de Ribeira, un dos principais motores económicos da comarca do Barbanza, e contribúe á mellora de equipamentos e instalacións que teñen un impacto directo na actividade diaria das entidades e das persoas profesionais do mar.