Estás en:Novas

Cristina García destaca en Cedeira o modelo «transparente e equitativo» do Plan Único da Deputación, que investirá 1,39 millóns na localidade

A deputada de Plans Provinciais visitou hoxe o concello para coñecer de primeira man algunhas das actuacións realizadas grazas ao POS

A Deputación leva investidos preto de 7,86 millóns de euros en Cedeira desde a creación do Plan Único no ano 2017

Cristina García destaca en Cedeira o modelo «transparente e equitativo» do Plan Único da Deputación, que investirá 1,39 millóns na localidade

De esquerda a dereita, Noel López, María Pernas, Cristina García e Pablo Diego Moreda

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, visitou este luns o Concello de Cedeira para coñecer sobre o terreo distintas actuacións financiadas ao abeiro do Plan Único (POS). A xornada comezou cun encontro institucional na Casa do Concello co alcalde, Pablo Diego Moreda Gil (PSdeG), e os concelleiros Noel López e María Pernas (BNG), antes de realizar un percorrido por actuacións executadas no municipio con financiamento provincial.

Durante a visita, Cristina García puxo en valor o papel do Plan Único como ferramenta fundamental para garantir investimentos nos concellos e reforzar a súa capacidade de decisión. A deputada provincial destacou que o POS «naceu para deixar atrás modelos finalistas nos que outras Administracións decidían onde investir» e subliñou que é cada Concello o que define as súas prioridades en función das necesidades da veciñanza.

A deputada incidiu tamén en que o Plan Único se basea en «criterios obxectivos e transparentes» que permiten unha repartición «xusta e equitativa dos fondos, goberne quen goberne», ao tempo que favorece o traballo conxunto dos gobernos locais e dos grupos da oposición.

No transcurso da visita, Cristina García e os representantes municipais achegáronse ás actuacións denominadas 'Reforma e conservación do edificio escolar no lugar de Corredoira' e 'Ampliación e mellora do parque infantil da área recreativa da Magdalena', ambas as dúas financiadas integramente con fondos provinciais. A primeira delas, executada cun investimento de 90 879,85 euros con cargo ao POS+ 2023, xa está rematada. Pola súa banda, a actuación na área recreativa da Magdalena contará cun investimento de 165 552,70 euros a través do POS+ 2025 e as obras comezarán proximamente.

Cedeira recibe 1,39 millóns este ano

Cedeira conta este ano cun investimento provincial total de 1 393 554,32 euros a través do POS+ 2026. Desta cantidade, 853 967,52 euros corresponden á achega inicial do plan e outros 539 586,80 euros ao POS adicional aprobado o pasado mes de abril polo pleno da Deputación da Coruña.

Desde a creación do Plan Único no ano 2017, a Deputación da Coruña investiu en Cedeira un total de 7 857 569,81 euros, que permitiron financiar 35 obras e outras actuacións no municipio. Do total acumulado, máis de 3,92 millóns de euros destináronse a investimentos directos en infraestruturas e equipamentos, mentres que máis de 3,25 millóns serviron para financiar gasto corrente municipal.

Entre as actuacións financiadas nos últimos exercicios figuran a mellora de parques infantís na praza da Constitución e na Magdalena, actuacións de pavimentación en distintos camiños municipais, a creación de espazos verdes na rúa Silva ou a rehabilitación do edificio 'El Palacete'.