Estás en:Novas

Este sábado, 23 de maio, ás 20.00h, (IN)VISUAL chega ao seu fin cun último concerto audiovisual no CEI a cargo do colectivo MIL111

O ciclo de concertos inmersivos impulsado pola Deputación da Coruña leva de novo esta fin de semana a mellor cultura dixital contemporánea ao maior plató de produción virtual de España, Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, onde antes se atopaba a antiga Fábrica de Armas da Coruña

Este sábado, 23 de maio, ás 20.00h,  (IN)VISUAL chega ao seu fin cun último concerto audiovisual no CEI a cargo do colectivo MIL111

Este sábado, 23 de maio, ás 20.00 horas, (IN)VISUAL botará o pano da súa primeira edición cunha última experiencia a cargo do colectivo galego MIL111, que presentarán en vivo a súa creación Sen título 0.1. Deste xeito, o ciclo de concertos audiovisuais inmersivos impulsado pola Deputación da Coruña levará de novo esta fin de semana a mellor cultura dixital contemporánea ao maior plató de produción virtual de España, Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, onde antes se atopaba a antiga Fábrica de Armas da Coruña. As entradas para este último concerto 'live AV' de (IN)VISUAL están xa esgotadas.

Sin título 0.1 é unha experiencia audiovisual de MIL111 que propón un espazo de encontro entre o suxeito e o seu reflexo. Na peza, as imaxes, os sons e os silencios funcionan como fragmentos que cada visitante debe articular desde a súa propia experiencia, memoria e desexo: formas abstractas, cores en transición e paisaxes sonoras mínimas constrúen unha narrativa aberta coa estrutura dunha meditación.

SOBRE (IN)VISUAL, IMPULSADO POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA
Este mes de maio, a cultura dixital contemporánea toma a cidade da Coruña co nacemento de (IN)VISUAL, un novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña, que ten lugar en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC.

As experiencias de (IN)VISUAL desenvólvense os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, cun total de catro concertos LIVE AV e un cartel que contará coa presencia dos e das artistas de referencia da cultura audiovisual contemporánea galega, española e internacional MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111.

Este novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia está impulsado pola Deputación da Coruña, coa curadoría de HITO, no marco do CEI Lab. CEI Lab é unha iniciativa promovida polo Departamento de Desenvolvemento e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña, orientada ao impulso de proxectos emprendedores de base dixital e tecnolóxica. O seu obxectivo é contribuír á vertebración territorial da provincia mediante a innovación e o desenvolvemento sostible.

SOBRE O CONCERTO AUDIOVISUAL DESTA FIN DE SEMANA

23.05. Sin título 0.1, de MIL111
Sin título 0.1 é unha experiencia audiovisual de MIL111 que propón un espazo de encontro entre o suxeito e o seu reflexo. A pantalla represéntase como un significante: unha superficie aberta que non contén un significado fixo, senón que agarda ser interpretada. As imaxes, os sons e os silencios funcionan como fragmentos que cada visitante debe articular desde a súa propia experiencia, memoria e desexo. Formas abstractas, cores en transición e paisaxes sonoras mínimas constrúen unha narrativa aberta que se achega á estrutura dunha meditación: un tempo suspendido no que a atención se despraza lentamente entre percepción, pensamento e emoción.

MIL111 é un dúo artístico formado polos artistas visuais Iria del Bosque e Borja Bernárdez. O seu traballo sitúase no ámbito da arte dos novos medios e reflexiona sobre os procesos emocionais e cognitivos do ser humano desde unha perspectiva metafísica evolutiva. A través de diferentes propostas formais e mediante o uso da luz, o espazo, o son e a imaxe, buscan reflexionar sobre a conciencia do ser, a súa existencia no mundo e as múltiples formas nas que o ser humano enche os baleiros existenciais.

INFORMACIÓN PRÁCTICA (IN)VISUAL

Lugar: Coruña Estudio Inmersivo (CEI) – Avenida de Pedralonga, 32, A Coruña
Datas e programa:
Sábado 02.05. MAOTIK Sold out I Sábado 09.05. Marta Verde & José Venditti Sold out
Sábado 16.05. Estela Oliva & Ana Quiroga Sold out I Sábado 23.05. MIL111 Sold out
Apertura de portas: 19.30h - Inicio da experiencia: 20.00h
Reserva de entradas: Ataquilla.com
A entrada ás experiencias de (IN)VISUAL é gratuíta, pero é necesario realizar un depósito de 5 euros por tícket no momento da súa adquisición a través da plataforma Ataquilla.com. Cando o público rexistre a súa entrada no acceso ao recinto, recibirá de forma automática o reembolso do seu depósito.
Traslados: o público poderá acudir ao recinto polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo poñerá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, nº 10, contra ás 19.00 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do inicio do show, terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC. De 20.00 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk. Ás 21.30 horas, o público que faga uso de autobús estará de volta en Juan Flórez, nº 10.