A Deputación impulsa as primeiras mesas sectoriais de Provincia Emprendedora para detectar novas oportunidades de negocio na provincia
Rosa Ana García destacou que o obxectivo é "escoitar ás empresas, coñecer as súas necesidades reais e transformar ese diagnóstico en novas oportunidades de emprego e emprendemento"
As primeiras sesións centráronse nos sectores das enerxías renovables, economía circular e sustentabilidade, así como na innovación, as TIC e o audiovisual
A Deputación da Coruña puxo en marcha esta mañá as primeiras mesas de diagnóstico sectorial do programa Provincia Emprendedora, unha iniciativa promovida pola institución provincial no marco do Plan de Emprego Local (PEL) e desenvolvida en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial, impulsar o emprendemento e identificar novas oportunidades de desenvolvemento económico na provincia.
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na apertura destas primeiras sesións de traballo, celebradas na sede da CEC, nas que se abordaron dous ámbitos considerados estratéxicos para o futuro económico da provincia: renovables, economía circular e sustentabilidade, por unha banda, e innovación, TIC e audiovisual, pola outra.
García subliñou que este programa "parte dunha idea moi clara: para apoiar ben ás empresas e ás persoas emprendedoras primeiro hai que escoitalas". Nese sentido, explicou que as mesas sectoriais permitirán "coñecer de primeira man cales son as necesidades, os retos e tamén as oportunidades que existen en sectores con gran capacidade de crecemento e xeración de emprego".
O programa integra diferentes liñas de actuación orientadas á análise, dinamización e apoio ao ecosistema empresarial coruñés, combinando estudos sectoriais, mesas de traballo, asesoramento empresarial, accións formativas e acompañamento a persoas emprendedoras.
Nesta primeira xornada, as entidades participantes partiron dunha análise inicial da situación de cada sector e dos primeiros datos recollidos a través dun formulario dirixido a empresas con actividade nestes ámbitos na provincia. A partir desa información, traballouse na identificación de necesidades, oportunidades de emprendemento e posibles vías de colaboración entre empresas, entidades e recursos vinculados á Deputación.
O proceso contará coa participación de empresas e entidades de diferentes comarcas da provincia, entre elas Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Ordes, Betanzos, A Coruña, Eume, Ortegal e Ferrol. Tamén participa persoal xestor da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, co fin de incorporar unha visión ampla e territorializada da realidade empresarial coruñesa.
Na mesa dedicada á innovación, ás TIC e ao audiovisual participaron entidades e empresas como o Clúster Audiovisual Galego, CEGA Audiovisuales, Congo Producciones, Imatia, Miraveo, Docuten, Mondotropo, Daniel Cerqueiro, Tribu Verde, ITG, Kaizen Institute, VivaZapata e o espazo de traballo colaborativo A Proa, de Ames.
Pola súa banda, na mesa sobre renovables, economía circular e sustentabilidade participaron Endesa, Orixe Salgada, ChemXTech, Emberiza, Tribu Verde, Kaizen Institute, a Asociación Provincial de Electricistas da Coruña (Asinec), a xestora do Green Coworking de As Pontes e a Asociación de Empresarios Seara.
Rosa Ana García agradeceu a implicación das empresas e entidades participantes e destacou que "a Deputación quere acompañar o talento emprendedor da provincia con ferramentas útiles, non con políticas feitas de costas á realidade". "Estas mesas son un punto de partida para construír unha folla de ruta compartida, baseada no coñecemento directo do tecido produtivo e nas oportunidades que xa están xurdindo no territorio", afirmou.
O proxecto continuará con novas reunións periódicas ata a súa finalización, prevista para febreiro de 2027, cando se elaborará un informe final por cada sector con propostas e posibles liñas de actuación para seguir impulsando a actividade económica e o emprendemento na provincia da Coruña.
