Estás en:Novas

A Deputación lembra que esta semana remata o prazo para optar aos premios de Igualdade, dotados con 128.000 euros

Os certames Luísa Villalta, Begoña Caamaño e Concepción Arenal financian proxectos que fomenten a igualdade real nos ámbitos social, artístico e educativo

O prazo para presentar as propostas a través da plataforma SUBTEL remata este xoves, 28 de maio, ás 14:00 horas

A Deputación lembra que esta semana remata o prazo para optar aos premios de Igualdade, dotados con 128.000 euros

A Deputación da Coruña lembra que esta semana remata o prazo para presentar solicitudes ás tres convocatorias anuais en materia de igualdade impulsadas pola institución provincial, cun investimento total de 128.000 euros. Trátase dos premios Luísa Villalta, Begoña Caamaño e Concepción Arenal, dirixidos a persoas autónomas, empresas, entidades culturais e centros de ensino público que desenvolvan proxectos orientados á promoción da igualdade e á eliminación das discriminacións por razón de sexo ou orientación sexual.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, animou as entidades e persoas interesadas a presentar as súas propostas antes de que conclúa o prazo —o xoves, 28 de maio, ás 14:00 horas—. Segundo destacou, estas convocatorias permiten «seguir fortalecendo proxectos transformadores que contribúen a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria desde ámbitos tan diversos como a cultura, a educación ou o tecido económico e social».

Todas as solicitudes han presentarse obrigatoriamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, integrada na sede electrónica da Deputación da Coruña.

VIII Premio Luísa Villalta

O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade conta coa maior dotación orzamentaria, con 100 000 euros reservados para esta edición. Concederanse un total de oito premios, de 12.500 euros cada un, destinados a persoas autónomas, empresas e entidades de economía social con sede en Galicia. Este certame procura impulsar iniciativas de impacto social que poñan de manifesto o papel feminino en campos tan variados como a ciencia, o deporte, a tecnoloxía ou o mundo rural, sempre aplicando unha perspectiva que teña en conta as desigualdades estruturais.

X Premio Begoña Caamaño

No que respecta á creación artística, a institución provincial convoca a décima edición do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero. Esta liña dispón de 13.000 euros que se repartirán en dous premios de 6500 euros cada un. Poden concorrer tanto persoas físicas como entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos onde a cultura actúe como motor de cambio social. O premio quere recoñecer o labor de quen utiliza as artes para promover a igualdade e dar visibilidade a novas realidades de xénero.

XIII Premio Concepción Arenal

Pola súa banda, o ámbito escolar conta co XIII Premio Concepción Arenal, dispón de 15.000 euros para proxectos educativos. Esta convocatoria está pensada para que os centros de ensino público da provincia executen actividades pedagóxicas que axuden ao alumnado a identificar e rexeitar estereotipos sexistas. Estableceranse tres galardóns de 5000 euros cada un para aquelas propostas que fomenten o respecto á diversidade sexual, a igualdade de trato e a prevención da violencia de xénero desde as aulas coruñesas.