Estás en:Novas

A Deputación pon en valor a riqueza botánica dos xardíns do Pazo de Mariñán coa primeira Ruta das Árbores Monumentais

A actividade, que completou o seu aforo con 35 participantes, permitiu coñecer de preto a singularidade natural, histórica e paisaxística dun dos espazos máis emblemáticos da provincia

A Deputación pon en valor a riqueza botánica dos xardíns do Pazo de Mariñán coa primeira Ruta das Árbores Monumentais

Os xardíns do Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleron a primeira edición da Ruta das Árbores Monumentais, unha actividade organizada pola Deputación da Coruña para poñer en valor a riqueza botánica, histórica e paisaxística deste enclave singular, propiedade da institución provincial.

A iniciativa completou o seu aforo, con 35 asistentes, e permitiu ás persoas participantes desfrutar dunha experiencia guiada por un dos conxuntos botánicos máis destacados de Galicia. A proposta combinou unha parte teórica cun itinerario polos xardíns do pazo, co obxectivo de achegar á cidadanía o valor patrimonial e ambiental deste espazo.

A deputada da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, acompañou ás persoas participantes durante a xornada e subliñou o compromiso da Deputación coa conservación, divulgación e posta en valor do patrimonio natural da provincia.

A actividade foi conducida por Mónica Maceiras Rioboó, enxeñeira técnica agrícola especialista en xardinería e arboricultura. A sesión comezou cunha exposición teórica apoiada na proxección de imaxes, na que se abordaron cuestións relacionadas coa historia dos pazos galegos, a súa fisionomía, os elementos que os compoñen e o papel dos xardíns dentro destas estruturas patrimoniais.

Posteriormente, as persoas asistentes participaron nun percorrido guiado polos exteriores do Pazo de Mariñán, no que puideron coñecer os diferentes espazos axardinados e identificar especies de grande interese botánico, entre elas plátanos de sombra, eucaliptos, camelias, buxos, palmeiras datileiras, mirtos, érbedos, teixos, cipreses de Portugal e freixos do maná.

Os xardíns de Mariñán, de trazado xeométrico e influencia francesa, albergan unha extraordinaria diversidade de especies arbóreas e arbustivas, algunhas delas incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.