Estás en:Novas

A marca agroalimentaria KB0 Ortegal inicia a súa andaina con preto de vinte empresas adheridas

É un proxecto con vocación de crecemento e aberto a novas adhesións de empresas e produtores da zona

O selo, vinculado ao Xeoparque Cabo Ortegal, procura impulsar o produto de proximidade e reforzar o desenvolvemento sustentábel do territorio

A marca agroalimentaria KB0 Ortegal inicia a súa andaina con preto de vinte empresas adheridas

A marca agroalimentaria KB0 Ortegal iniciou oficialmente hoxe a súa andaina coa entrega dos distintivos ás primeiras 18 empresas adheridas. O acto institucional tivo lugar esta tarde, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira, e foi inaugurado polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal, Alberto Rey; e o alcalde da localidade, Valentín Calvín.

Este paso significa o punto de partida dun proxecto vivo, con vocación de crecemento e cuxo proceso de adhesión continúa aberto para todas aquelas empresas do territorio interesadas en formar parte da marca. KB0 Ortegal é unha iniciativa que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.

Poden adherirse a ela produtores e empresas dos sete concellos que o integran dedicadas á obtención de produtos agrícolas, gandeiros ou do mar, así como ao envasado, elaboración, procesado e comercialización de produtos de alimentación. Este proxecto está sufragado polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - Next Generation EU

Ampla diversidade nas primeiras adhesións

A marca KB0 Ortegal abrangue diferentes áreas vinculadas á produción agrícola, produtos do mar, doces e repostaría, produtos da colmea, lácteos e transformación alimentaria artesanal. As empresas adheridas nesta primeira fase representan unha ampla diversidade de sectores produtivos do Xeoparque Cabo Ortegal.

No concello de Cariño intégranse Conservas vexetais e marmeladas Amieiro, dedicada aos produtos agrícolas; Conservas La Pureza, especializada en produtos do mar; e Semente Negra, centrada tamén na elaboración de produtos agrícolas.

En Cedeira súmase á marca Cen por Cen Mel, na categoría dos doces, repostaría, produtos da colmea e panadaría; Mariscos Diego e Expomar Marisco Cedeira, ambas especializadas en produtos do mar.

No concello de Cerdido adheriuse a empresa de produtos agrícolas Cool Berries. Moeche concentra catro das iniciativas adheridas: Abella Mestra, dedicada aos doces, repostaría e produtos da colmea; Aires de Susi e Manda Carballo, centradas nos produtos agrícolas; e Lácteos de Moeche, especializada en produtos cárnicos e de procedencia animal.

En Ortigueira incorpórase A Horta de Chema, vinculada á produción agrícola. Pola súa parte, San Sadurniño suma as empresas Maruxas de Nata, dentro do ámbito da repostaría e produtos da colmea; Viveros Florgalicia; e As Lolas da Cascarilla, estas dúas últimas relacionadas cos produtos agrícolas.

Finalmente, no concello de Valdoviño intégranse Ay! Carmen Conservas e Piparra Atlántica, ambas de produtos agrícolas, así como Mel San Martiño, dedicada aos doces, repostaría e produtos da colmea.