Estás en:Novas

Xosé Regueira salienta o valor dos espazos de intercambio de coñecemento para fortalecer a competitividade empresarial

O vicepresidente da Deputación da Coruña participou esta mañá na inauguración do Vertical Summit, un encontro centrado en márketing, marca, tecnoloxía, intelixencia artificial e liderado empresarial

«Galiza ten un tecido empresarial de calidade, con capacidade de innovación e con moito potencial», afirmou

Xosé Regueira salienta o valor dos espazos de intercambio de coñecemento para fortalecer a competitividade empresarial

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá na inauguración do Vertical Summit. O encontro reúne na Cámara de Comercio do Noroeste, na Coruña, empresas e profesionais para abordar cuestións relacionadas co márketing, a construción de marca, a tecnoloxía, a intelixencia artificial e o liderado empresarial.

Na apertura da xornada, Regueira destacou a importancia de impulsar espazos que favorezan o intercambio de coñecemento e experiencias entre empresas. «Non se trata de teorías abstractas, senón de ideas aplicábeis que axuden ás empresas a ser máis competitivas, máis sólidas e con máis futuro», afirmou.

O vicepresidente sinalou que asuntos como o posicionamento de marca na contorna dixital, a xeración de valor fronte á competencia global, a incorporación intelixente da tecnoloxía e da intelixencia artificial, o liderado ou a xestión do talento son xa elementos «esenciais para quen quere crecer con criterio e sustentabilidade».

Durante a súa intervención, Regueira puxo en valor a capacidade innovadora do tecido empresarial galego e incidiu na necesidade de promover encontros orientados á práctica e aos resultados. «Galiza ten un tecido empresarial de calidade, con capacidade de innovación e con moito potencial, mais para seguirmos avanzando necesitamos exactamente este tipo de encontros, verticais, prácticos e orientados a resultados», indicou.

O vicepresidente lembrou tamén o compromiso da Deputación da Coruña co impulso da economía e o fortalecemento do tecido produtivo. «Temos claro o noso papel: apoiar iniciativas que impulsen a economía real, que fortalezan o tecido empresarial e que contribúan a posicionar Galiza como un territorio moderno, atractivo e con capacidade de competir no mundo», asegurou.

O programa do Vertical Summit inclúe ao longo da xornada relatorios e mesas de debate sobre estratexia empresarial, transformación dixital, comercio, investimento, liderado, cultura organizativa e intelixencia artificial, coa participación de representantes de empresas e entidades de diferentes sectores.

Regueira agradeceu finalmente o compromiso das empresas e profesionais participantes e desexou que a xornada resulte «moi produtiva e inspiradora» para todas as persoas asistentes.