Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán acolle hoxe o II encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local

Trátase dun espazo de cohesión e inspiración para profesionais das políticas públicas de normalización e dinamización da lingua na administración local, organizado pola área de lingua da Deputación

A deputada, Sol Agra Tuñas, recordou a "importancia dos servizos de normalización lingüística nos concellos para poñer en marcha campañas de normalización e dinamización da lingua, sobre todo na infancia e na adolescencia"

O Pazo de Mariñán acolle hoxe o II encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local

O Pazo de Mariñán convértese hoxe no espazo de celebración do II encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local, organizado polo departamento de Lingua da Deputación da Coruña. O obxectivo é xerar un espazo de cohesión e inspiración para profesionais das políticas públicas de normalización e dinamización da lingua na administración local a través destas "xornadas de traballo nas que se intercambiarán experiencias exitosas, priorizando as intervencións e campañas no territorio máis que na propia institución", tal e como afirmou a deputada, Sol Agra Tuñas.

Durante a benvida, Agra salientou a "importancia dos servizos de normalización lingüística nos concellos para poñer en marcha campañas de normalización e dinamización da lingua, sobre todo na infancia e na adolescencia". Recordou que "a provincia da Coruña ten o maior número de SNL (servizos de normalización lingüística) municipais grazas á subvención da Deputación que financia o persoal dos mesmos. En Lugo e Ourense só tres concellos teñen este servizo, e en Pontevedra 11, mentras que na Coruña temos 25."

A xornada ten os obxectivos de xerar un espazo de coñecemento mutuo e cohesión entre profesionais do eido da normalización lingüística na provincia; dar a coñecer referentes de interese que poidan inspirar a acción nos diversos territorios; facilitar un espazo de diálogo de calidade e indagación colectiva no que afondar nas posibilidades de intervención en diferentes eidos; e avaliar posibles modificacións nas bases do FONL, o programa de subvencións da Deputación coruñesa, dirixido a concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística.

O programa inclúe formación teórica sobre identidade lingüística e cultural nas infancias e adolescencias con Natalia Cea; unha mesa redonda de experiencias inspiradoras desde diferentes ámbitos; un coloquio facilitado ao redor das experiencias da mesa redonda; un diálogo aberto coa Deputación e un espazo participativo prototipado de propostas para a intervención con infancias e adolescencias.