Alumnado da Yale University visita o mosteiro de Caaveiro como parte dun estudo sobre as Fragas do Eume da man da Fundación RIA
O alumnado coñeceu o proxecto de musealización de Caaveiro durante unha visita na que participou o deputado de patrimonio, Xosé Penas, e o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras
As Fragas do Eume convértense en caso de estudo para estudantes de arquitectura da Yale University nun programa impulsado pola Fundación RIA
O mosteiro de Caaveiro acolleu a visita de alumnado de arquitectura da Yale University para coñecer de primeira man o proxecto de musealización. A visita enmárcase nun estudo sobre as Fragas do Eume que está a universidade estadounidense está realizando en colaboración coa Fundación RIA.
O deputado de patrimonio, Xosé Penas, e o xefe de arquitectura, Daniel Beiras, encabezaron a acollida aos estudantes, trasladándolles todos os detalles sobre o proxecto de musealización de Caaveiro e poñendo en valor a relevancia do patrimonio histórico e cultural no territorio
A iniciativa intégrase no proceso que a Fundación RIA está a impulsar nas Fragas do Eume, un territorio de máis de 9.000 hectáreas que afronta importantes retos relacionados coa conservación ambiental, a actividade económica, a mobilidade, a xestión forestal e a gobernanza. Nos últimos meses, a fundación vén traballando con administracións, entidades, persoas residentes e outros axentes vinculados ao parque para identificar desafíos compartidos e explorar posibles vías de actuación que contribúan á súa sustentabilidade a longo prazo.
Penas celebrou o "interese" polo proxecto de musealización de Caaveiro, impulsado pola área de patrimonio da entidade provincial, co obxectivo de poñer en valor a historia, arquitectura e o patrimonio de Caaveiro, e a súa singularidade patrimonial non so a nivel arquitectónico, senón tamén natural e histórica, así como a súa importancia no Reino Medieval de Galiza, a través do uso de novas tecnoloxías e realidade virtual, converténdose "nunha das musealizacións máis importantes de todo o estado".
