Estás en:Novas

Escolares e entidades medioambientais únense nas praias de Riazor e Orzán para celebrar o Día Mundial dos Océanos

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na xornada organizada por Mar de Fábula e WE Sustainability, que incluíu accións de limpeza de lixo mariño e actividades de sensibilización ambiental

Escolares e entidades medioambientais únense nas praias de Riazor e Orzán para celebrar o Día Mundial dos Océanos

Escolares de diferentes centros educativos da Coruña e representantes de entidades medioambientais participaron hoxe nas praias de Riazor e Orzán nunha xornada de sensibilización ambiental organizada por Mar de Fábula e a plataforma WE Sustainability con motivo do Día Mundial dos Océanos.

A iniciativa contou coa participación da deputada de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e combinou actividades de limpeza de lixo mariño con accións divulgativas destinadas a concienciar sobre a necesidade de protexer os ecosistemas mariños.

A xornada concluíu cun acto simbólico no que os participantes formaron unha cadea humana ao longo dos areais de Riazor e Orzán para visibilizar o compromiso colectivo coa conservación dos océanos.

Durante o encontro, Rosa Ana García destacou o valor deste tipo de iniciativas para achegar a educación ambiental á cidadanía e fomentar unha maior implicación social na protección do medio mariño. A deputada agradeceu o traballo desenvolvido por Mar de Fábula e WE Sustainability, así como a participación dos centros educativos e das entidades sociais que tomaron parte na actividade.

A responsable provincial lembrou tamén o apoio que a Deputación presta ás entidades ambientais da provincia a través das súas convocatorias de subvencións, destinadas a impulsar proxectos de conservación da natureza, protección da biodiversidade e sensibilización ambiental.