Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste en Padrón máis de 1,5 millóns

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitou o municipio, onde destacou a importancia desta ferramenta de financiamento local para todos os concellos da provincia

García Rey estivo acompañada do alcalde, Anxo Arca, e da concelleira Beatriz Rei, e visitaron algunhas das obras financiadas co Plan Único

O Plan Único da Deputación inviste en Padrón máis de 1,5 millóns

A Deputación da Coruña inviste este ano en Padrón, a través do Plan Único, máis de 1,5 millóns de euros entre a fase inicial e a adicional. Así o anunciou a deputada de plans, Cristina García Rey, que visitou o municipio onde estivo acompañada do alcalde, Anxo Arca e a concelleira nacionalista Beatriz Rei. A comitiva aproveitou para visitar algunhas das obras financiadas co Plan.

Padrón recibiu, dende o 2017, máis de 6,3 millóns de euros da Deputación, que investiu en obras que van desde a mellora de viarios ata instalacións deportivas e equipamentos de uso público. Neste sentido, a deputada puxo en valor a importancia deste Plan que naceu fai case 10 anos "co obxectivo de establecer uns criterios obxectivos de reparto dos fondos públicos entre os 93 concellos da provincia, a diferencia doutras administracións que optan por métodos menos transparentes e obxectivos".

A deputada tamén salientou a "total flexibilidade" que o Plan Único supón para os concellos, pois "poden investir os fondos que reciben da Deputación nos proxectos que consideren prioritarios en función das súas necesidades". Exemplo diso son as obras que visitaron en Padrón: o Parque infantil Olimpia Valencia, en Estramundi e a da rúa Aldea Iría Flavia, "unha mostra da importancia que ten para a veciñanza, con proxectos como estes cun gran impacto na súa calidade de vida". "E é que", engadiu García Rey, "esa é precisamente a finalidade do Plan Único".

A deputada apuntou, ademais, que se trata dunha ferramenta de financiamento local "imprescindible", pois "sen ela os nosos municipios non darían atendido a todas as competencias – moitas delas, impropias –. Tanto é así que nalgúns casos chega a supoñer até o 30% do orzamento".