A Deputación destina 24.000 euros á mellora e equipamento do local da Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal
A achega provincial supón o 80% do orzamento total do proxecto, que ascende a 30.000 euros para a modernización das instalacións
A intervención permitirá crear unha aula polivalente e adecuar os espazos do inmoble para usos múltiples do tecido empresarial local
Os investimentos inclúen melloras estruturais, renovación de mobiliario e unha profunda actualización tecnolóxica
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, venres 26 de xuño, o convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos da Pobra do Caramiñal para financiar o proxecto de recuperación e equipamento do seu local social, unha iniciativa enmarcada dentro do Plan de Emprego Local (PEL).
A institución provincial destina a este fin unha achega de 24.000 euros, o que representa o 80% do orzamento total da actuación, fixado en 30.000 euros, asumindo a entidade empresarial o importe restante con fondos propios. O obxectivo prioritario desta axuda é dotar á asociación dun espazo funcional, moderno e versátil para mellorar a xestión diaria e acoller actividades comunitarias, culturais e formativas.
As actuacións planificadas comprenden o diagnóstico e acondicionamento xeral do inmoble, executando a reparación de humidades, o pintado completo de zonas comúns e diversas melloras estruturais. Prestarase unha atención especial á sala grande, onde se retirarán as vellas butacas ancoradas ao chan para adecuar o espazo a usos múltiples e optimizar as súas condicións. Paralelamente, substituirase o mobiliario obsoleto por elementos ergonómicos que garantan unha mellor accesibilidade, adquirindo novos postos de traballo para a oficina, mesas modulares, mobles de almacenamento seguro e corenta cadeiras móbiles con pala destinadas especificamente á aula de cursos.
A maiores da reforma física do local, o convenio contempla unha importante actualización tecnolóxica co obxectivo de impulsar a dixitalización e mellorar os servizos prestados aos asociados. Esta fase inclúe a compra de tres ordenadores de sobremesa completos, un proxector Full HD con pantalla retráctil para a organización de relatorios e formacións colectivas, e unha fotocopiadora multifunción en rede para tarefas de reprografía.
