Estás en:Novas

A Deputación impulsa o V Circuíto Provincial de Piragüismo en Augas Tranquilas, que levará seis regatas a toda a provincia

A competición, organizada en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo, celébrase este verán en Betanzos, A Coruña, Ames, As Pontes, Pontedeume e Boiro

A Deputación impulsa o V Circuíto Provincial de Piragüismo en Augas Tranquilas, que levará seis regatas a toda a provincia

A Deputación da Coruña impulsa unha nova edición do Circuíto Provincial de Piragüismo en Augas Tranquilas, que chega este ano á súa quinta edición consolidado como unha das principais citas do calendario de base desta modalidade na provincia.

O circuíto, organizado en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo, desenvolverase entre os meses de xuño, xullo e agosto e estará integrado por seis regatas en seis concellos: Betanzos, As Xubias-A Coruña, Ames, As Pontes, Pontedeume e Boiro.

A competición está dirixida ás categorías base dos clubs da provincia, con participantes de entre 6 e 16 anos, nas modalidades de caiac e canoa, tanto masculina como feminina. Ademais, inclúe tamén a categoría de paracanoa, reforzando o compromiso da Deputación co deporte inclusivo e coa igualdade de oportunidades na práctica deportiva.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, subliñou que "o piragüismo é unha auténtcia escola de esforzo, disciplina e compañeirismo, e desde a Deputación queremos seguir apoiando aos clubs que traballan cada día coa rapazada e que manteñen viva esta canteira deportiva".

O calendario comezou xa o 13 de xuño coa primeira proba en Betanzos. A segunda regata celebrarase o 4 de xullo nas Xubias, na Coruña; a terceira terá lugar o 25 de xullo en Ames; a cuarta, o 8 de agosto nas Pontes; a quinta, o 22 de agosto en Pontedeume; e a sexta e última proba disputarase o 29 de agosto en Boiro.

Cada xornada terá unha duración aproximada de cinco horas e desenvolverase en embarcacións individuais K1 e C1. As distancias máximas serán de 1.500 metros para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín, e de 3.000 metros para infantís e cadetes.

O circuíto contará con clasificacións individuais e por equipos en cada regata, así como cunha clasificación final por clubs. En cada proba entregaranse medallas ou trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs da xornada. A clasificación final repartirá 21.800 euros en premios entre os clubs participantes, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases.

A Deputación destaca que esta iniciativa permite apoiar o traballo dos clubs de piragüismo da provincia, promover hábitos de vida saudables entre a infancia e a mocidade e levar competicións federadas a distintos puntos do territorio.

O Circuíto Provincial da Coruña de Piragüismo en Augas Tranquilas naceu en 2022 e chega en 2026 á súa quinta edición consecutiva. Nas últimas edicións consolidouse como unha ferramenta estable de promoción do deporte base, cunha participación crecente de clubs e deportistas da provincia.