A Deputación achega preto de 60.000 euros para mellorar a pista a San Esteban e Agra nas Somozas
Valentín González Formoso e o alcalde, Juan Alonso Tembrás, asinaron o convenio
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, asinaron hoxe no Concello de As Somozas o convenio de colaboración polo que a institución provincial achega 59.855,70 euros ao municipio para cofinanciar as obras de mellora da capa de rodaxe da pista a San Esteban e Agra.
O convenio, aprobado no pleno da Deputación do pasado venres, permitirá executar unha actuación cun orzamento total de 74.819,62 euros, dos que a Deputación financia o 80%. O Concello das Somozas asumirá o importe restante, 14.963,92 euros.
Formoso destacou que este tipo de actuacións "son fundamentais nos concellos rurais para mellorar vías que usa a veciñanza todos os días e que tamén son necesarias para o transporte escolar, para a actividade agrícola e gandeira e para manter conectados os núcleos de poboación". O presidente subliñou que "a cooperación cos concellos permite acometer obras como esta, pequenas en importe, pero moi importantes na vida diaria da xente".
As obras teñen como obxectivo renovar a capa de rodaxe dunha pista dividida en dous treitos principais, de 685 e 300 metros, ademais da mellora dos sobreanchos e abanicos existentes. O proxecto prevé a extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente, logo do bacheo previo con grava e tratamento asfáltico superficial.
A intervención complétase coa limpeza de gabias e salvagabias para mellorar a drenaxe lonxitudinal e transversal, a instalación de 24 metros de barreira de seguridade de dobre onda, a colocación de tres sinais de stop e a renovación da sinalización horizontal, co pintado de liñas de bordo e símbolos.
O prazo previsto para a execución das obras é de seis meses.
