A Deputación destaca o labor de Parkinson Ferrol na atención ás persoas afectadas e ás súas familias
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou a sede da entidade e coñeceu os programas de fisioterapia, logopedia e estimulación cognitiva que aopia a Deputación
A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou a sede da Asociación Parkinson Ferrol para coñecer de primeira man o traballo que a entidade realiza coas persoas afectadas pola enfermidade de Parkinson e coas súas familias.
Durante a visita, García Vidal percorreu as instalacións da asociación e mantivo un encontro coa directiva e co equipo profesional, que lle explicaron o funcionamento dos programas terapéuticos, as necesidades das persoas usuarias e os principais retos aos que se enfronta a entidade.
Parkinson Ferrol desenvolve un programa de atención multidisciplinar que inclúe fisioterapia, logopedia e estimulación cognitiva. O obxectivo é mellorar a autonomía persoal, manter as capacidades das persoas afectadas e contribuír á súa calidade de vida, ademais de ofrecer apoio e acompañamento ás familias.
Mar García Vidal puxo en valor "o traballo profesional, próximo e humano" que realiza a asociación e destacou que entidades como Parkinson Ferrol "son fundamentais para chegar onde moitas veces as administracións non chegan soas".
A deputada lembrou tamén o compromiso da Deputación da Coruña co tecido asociativo e co apoio aos programas sociais e sociosanitarios que melloran a vida das persoas nos concellos da provincia. Este ano, a institución provincial apoia con 4,5 millóns de euros o traballo de 273 entidades sociais que contribúen a mellorar a vida de miles de persoas e as súas familias.
