Estás en:Novas

A Praza dos Libros de Carballo celebra do 9 ao 12 de xullo vinte anos de encontro arredor da lectura, a cultura e a lingua galegas co apoio da Deputación

"A Praza dos Libros de Carballo é un espazo público e cotiá onde se celebra a nosa cultura e a nosa lingua, creando comunidade arredor da lectura en galego. Unha feira de referencia na comarca, na provincia e no país, que converte o libro galego e as súas creadoras e creadores en protagonistas da vida pública combinando literatura, música, actividades familiares e participación cidadá" sinalou a deputada de lingua, Sol Agra

A Praza dos Libros de Carballo celebra do 9 ao 12 de xullo vinte anos de encontro arredor da lectura, a cultura e a lingua galegas co apoio da Deputación

A Praza do Concello de Carballo acollerá do 9 ao 12 de xullo unha nova edición da Praza dos Libros, este ano co lema Vinte na PLIC! para celebrar dúas décadas de traxectoria como unha das grandes citas culturais do verán. A feira, que conta co apoio da área de lingua da Deputación, desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, con librarías, editoriais, autoras e autores, música, actividades familiares e propostas para todos os públicos. A deputada de lingua, Sol Agra, presentou hoxe a iniciativa, xunto ao alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Bibliotecas, Ángeles Pacorest, e a unha ampla representación das librarías participantes, así coma das entidades colaboradoras.

Agra puxo en valor a Praza dos Libros de Carballo como un espazo "público e cotiá" onde "se celebra a nosa cultura e a nosa lingua, creando comunidade arredor da lectura en galego". "Trátase", dixo, dunha feira "de referencia na comarca, na provincia e no país, que converte o libro galego e as súas creadoras e creadores en protagonistas da vida pública combinando literatura, música, actividades familiares e participación cidadá".

"Desde a Deputación da Coruña queremos recoñecer o compromiso do Concello de Carballo, das librarías, das editoriais e de todas as persoas que fan posible unha programación de calidade como esta, aberta a todos os públicos e cunha clara aposta pola creación en galego", afirmou Agra. "Por iso", engadiu, "dende a área de Lingua da Deputación apoiamos esta gran cita, levando á nosa homenaxeada Begoña Caamaño a esta praza, a través de diferentes propostas artísticas".

Así, a memoria de Begoña Caamaño estará presente de maneira destacada na programación do domingo 12, coa presentación-recital Os fíos de Begoña, unha achega en palabras, música e imaxes á vida de Begoña Caamaño, a partir do álbum ilustrado de Eva Mejuto, con música de Marcelo Dobode. A cita será ás 19.00 horas.

Ao longo das catro xornadas participarán, entre outros nomes, Alberto Varela Ferreiro, Xabier Quiroga, Fran Alonso, Xan Fraga, Arantza Portabales, Marta Villar, Roberto Cagiao, Farruco Graña, María Solar, Marcos Emilio Castelo Amado, Xaime Toxo e Cecilia F. Santomé, e ademais haberá propostas musicais, obradoiros, contacontos e espectáculos infantís.