O Pazo de Mariñán acolle a XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial, centrada na intelixencia artificial na xustiza
José Ramón Rioboo destaca que a IA debe aplicarse "con garantías, seguridade xurídica, transparencia e supervisión humana"
O Pazo de Mariñán acolle desde hoxe a XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial, organizada polo Consello Xeral do Poder Xudicial coa colaboración da Deputación da Coruña. Nesta edición, o encontro centrará os seus debates no impacto da intelixencia artificial na Administración de Xustiza.
O deputado de Facenda, Recursos Humanos e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, participou no acto inaugural en representación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso. No acto interviñeron tamén a presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste; vogalías do CGPJ e direccción académica desta primeira semana, Gema Espinosa Conde e José María Fernández Seijo; e a directora do Servizo de Formación Continua do CGPJ, Luisa María Torres Vargas.
Rioboo destacou que Mariñán, a sede da Escola desde hai anos, é "un espazo pensado para o encontro, o diálogo e o intercambio de coñecemento" e subliñou o orgullo da Deputación por poñer un ano máis este pazo ao servizo dunha cita de referencia para a carreira xudicial.
Na súa intervención afirmou que a intelixencia artificial abre novas oportunidades para facer máis eficiente o traballo xudicial, especialmente na busca documental, na análise de información e na organización dos procesos. Con todo, advertiu de que a súa incorporación debe facerse "con garantías, seguridade xurídica, ética, protección de datos e supervisión humana".
"Nada poderá substituír o criterio humano, a independencia xudicial e a responsabilidade de quen toma decisións sabendo que detrás de cada resolución hai dereitos e vidas de persoas en xogo", sinalou Rioboo.
O deputado lembrou tamén que España ocupa unha posición avanzada neste ámbito coa creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña. "Regular a intelixencia artificial é garantir que esa tecnoloxía sexa fiable, democrática e estea ao servizo das persoas", afirmou.
A Escola de Verán abordará durante estes días cuestións como o marco regulatorio europeo e español da IA, os riscos dos nesgos algorítmicos, a protección de datos, a ciberseguridade e a avaliación crítica das ferramentas tecnolóxicas aplicadas á actividade xurisdicional.
