Estás en:Novas

A Deputación entrégalle ao Concello de Oleiros un novo vehículo para reforzar os servizos sociais do municipio

Mar García Vidal participou no acto de entrega xunto á concelleira de Política Social de Oleiros, Belén Taboada

O vehículo, financiado a través do POS+ Adicional 1/2026, supón un investimento de 16.976,37 euros

A Deputación entrégalle ao Concello de Oleiros un novo vehículo para reforzar os servizos sociais do municipio

A Deputación da Coruña entregoulle ao Concello de Oleiros un novo vehículo destinado a reforzar os medios materiais dos servizos sociais do municipio.

A deputada provincial de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal, participou no acto de entrega xunto á concelleira de Política Social, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Oleiros, Belén Taboada Casal.

O vehículo adquirido é un Dacia Sandero Stepway Essential ECO-G de 100 CV, financiado pola Deputación a través do POS+ Adicional 1/2026 cun investimento de 16.976,37 euros. O coche estará destinado aos programas dos servizos sociais comunitarios e facilitará os desprazamentos do persoal técnico para as visitas domiciliarias, acompañamentos ás persoas usuarias e outras actuacións propias da actividade diaria da área.

Mar García Vidal destacou que "a colaboración entre administracións permite mellorar os servizos públicos e achegarlles a atención social ás persoas que máis o precisan". A deputada subliñou tamén que "os concellos son a primeira porta á que chama a cidadanía cando necesita apoio, e desde a Deputación queremos contribuír a que conten cos medios necesarios para prestar unha atención social próxima, áxil e de calidade".

Pola súa banda, Belén Taboada agradeceu a colaboración da institución provincial e destacou a importancia de contar con novos recursos para mellorar a atención á veciñanza.