O porto exterior de Ferrol recibe os primeiros vehículos de SAIC
O presidente da Deputación participou hoxe no acto institucional celebrado con motivo da chegada dos primeiros vehículos da multinacional chinesa a Ferrolterra
A chegada dos primeiros vehículos da multinacional chinesa SAIC ao porto exterior de Ferrol marca o inicio da actividade da compañía en Galicia. O buque portavehículos Anji Forever descargou arredor de 700 vehículos da marca MG nunha primeira operación que supón o punto de partida da implantación de SAIC na comarca.
O acto institucional celebrado no porto exterior contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do vicepresidente de SAIC, Wu Bing; do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, da conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana; do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Antonio Álvarez, e do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, entre outras autoridades e representantes institucionais e empresariais.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou a importancia da colaboración entre administracións para que este proxecto se consolide e teña un impacto real na comarca, tanto na creación de emprego como no fortalecemento da industria auxiliar e dos servizos vinculados á automoción e á loxística.
O proxecto anunciado por SAIC prevé un investimento de arredor de 200 millóns de euros, a creación de 2.300 empregos directos e indirectos e unha capacidade de produción de ata 120.000 vehículos ao ano.
