Estás en:Novas

A Deputación financia melloras na área recreativa e a pista multiusos da Asociación veciñal Río Samo de Frades

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións da entidade veciñal e cultural de Galegos

A Deputación financia melloras na área recreativa e a pista multiusos da Asociación veciñal Río Samo de Frades

A Deputación da Coruña financiou distintas obras de mellora na pista multiusos da Asociación de Veciños e Cultural Río Samo de Galegos, no concello de Frades.

Coa subvención de 24.258 euros do ano pasado, a entidade dotou á área recreativa do recinto de mesas e bancos de formigón armado e madeira para reunións e festas, melloras na accesibilidade do recinto, plantación de árbores e outras obras de acondicionamento do entorno; mentres que este ano, a Deputación achegou outros 8.500 euros para dotar á pista dunha nova cuberta que permitirá desenvolver actividades durante todo o ano, con independencia das condicións meteorolóxicas. O espazo poderá acoller así actividades deportivas, culturais e sociais e servirá como lugar de encontro para a veciñanza da parroquia.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións acompañada da directiva da entidade para coñecer a execución destes proxectos e interesarse polas súas necesidades.

Durante a visita, Cristina Capelán destacou a importancia de apoiar o traballo das asociacións veciñais do rural. "Estas entidades manteñen vivas as parroquias, organizan actividades e crean espazos de convivencia das e dos veciños coma este. Desde a Deputación queremos axudalas a mellorar as súas instalacións e facilitar que poidan continuar desenvolvendo o seu labor", afirmou.