A Deputación financia un curso sobre os retos e solucións da nanotecnoloxía impartido pola Real Academia Galega das Ciencias
O organismo provincial achega 20.000 euros para cofinanciar un ciclo de doce conferencias que se desenvolveu en xuño nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela
A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega de Ciencias asinaron hoxe un convenio de colaboración para cofinanciar o curso titulado "Nanotecnoloxía ao servizo da sociedade: retos e solucións do presente e do futuro". O acordo de cooperación foi subscrito polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e polo presidente da corporación científica, Juan Manuel Lema Rodicio.
O ciclo formativo contou cun orzamento global de 25.000 euros, dos cales a Deputación da Coruña asume unha achega de 20.000 euros, o que supón o 80% do investimento total do proxecto. A contía restante, ata acadar o importe orzado para a actividade, foi financiada con cargo aos recursos propios da Real Academia Galega de Ciencias. Esta achega provincial permitirá sufragar os custos derivados da organización, desprazamentos e estadías de persoas relatoras de prestixio nacional, deseño e imprenta, e a transmisión telemática das xornadas.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, manifestou a súa satisfacción por este acordo sinalando que o "fomento da ciencia e da investigación é un piar indispensable para o progreso social e económico da provincia". Formoso destacou que "a nanotecnoloxía xa non é unha disciplina do futuro, senón unha realidade transversal que ofrece solucións críticas a retos contemporáneos na saúde, o medioambiente e a dixitalización".
O programa estruturouse en doce conferencias complementadas con espazos de debate e desenvolveuse en catro grandes bloques temáticos que abordaron unha introdución xeral á materia, as súas aplicacións en materiais, enerxía e medioambiente, as ciencias da vida e as tecnoloxías da información e da comunicación. Os seminarios tiveron lugar nas tres cidades principais da provincia (A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela) combinando o formato presencial coa retransmisión virtual en tempo real.
