Estás en:Novas

A 3ª edición do Maratón de Galeguidades dará a volta ao mundo coa diáspora galega o próximo 24 de xullo

A 3ª edición do Maratón de Galeguidades dará a volta ao mundo coa diáspora galega o próximo 24 de xullo

O telemaratón de internet da Deputación a Coruña que produce o IGADI desde o 2024 chega a súa terceira edición con moitas novidades e sorpresas por desvelar. Alba Mancebo e Miguel Canalejos serán os presentadores ao longo das 11 horas de emisión, entre as 9 e as 20h, en directo pola canle de youtube do IGADI.

O telemaratón combinará conexións con centros e asociacións galegas de Europa, América e o Indopacífico, xunto a episodios temáticos. O Centro Galego de Barcelona e o Centro Galego de Burgos, a Irmandade Galega de Venezuela, as Asociacións de galegos de Australia e Irlanda, xa confirmaron a súa participación en directo.

Xunto a eles, o Maratón propón uns novidosos episodios de autor, coordenados por proxectos nacidos da dixitalización e a explosión das redes sociais, como catalizadores dunha maior conexión da Galicia territorial e a Galicia exterior, como os de Orgullo Galego (a maior comunidade galega en internet), o Festival Emigrason de Bruxelas, o creador de contidos en galego Olaxonmario ou a plataforma de podcast Podgalego.

Ademáis dos episodios xeográficos e temáticos, o Maratón de Galeguidades 2026 completarase coas Pausas de Hidratación, nas que ademais de dar seguimento ao impacto do Maratón nas redes sociais e ao concurso dunha edición especial de 25 libros do IGADI "Ano Castelao: Buenos Aires, Quilómetro cero", conectarase con influencers e rostros populares, coma o actor Xosé Antonio Touriñán ou a analista en xeopolítica galego-uruguaia Susana Mangana (Todo es Mentira) ou como o propio Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

A data escollida, o venres 24 de xullo, na véspera do Día de Galicia, quere dotar de contidos a relación de onte e de hoxe de Galicia coa súa emigración. Especialmente no 2026, no contexto do próximo XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas (trienal), a celebrar no Brasil o 11 e 12 de novembro.

Toda a información na web https://galeguidades.hub.gal/