Estás en:Novas

A Deputación financia con 127.000 euros o acondicionamento dunha nave de servizos municipais en San Sadurniño

O convenio de colaboración entre Deputación e Concello asinouse hoxe por parte do vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

A Deputación financia con 127.000 euros o acondicionamento dunha nave de servizos municipais en San Sadurniño

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, asinaron hoxe o convenio de colaboración para que a entidade provincial financie con 127.000 euros as obras de acondicionamento dunha nave de servizos municipais. Esta achega supón o 80% do orzamento total do proxecto, valorado en 158.750 euros.

A actuación ten por obxecto dotar o municipio duns recursos axeitados para a xestión e o almacenamento do equipamento vinculado a servizos públicos obrigatorios. As obras permitirán centralizar a loxística relativa á recollida de residuos e voluminosos, así como ao abastecemento de auga potable, ao gardar nun espazo axeitado camións, bidóns, maquinaria e ferramentas especializadas, o que contribuirá ademais a minimizar o impacto ambiental e paisaxístico na contorna.

Xosé Regueira destacou que "os recursos públicos deben servir para dar resposta ás necesidades dos concellos e, ao mesmo tempo, para dinamizar o territorio e fortalecer o seu tecido socioeconómico". Neste sentido, subliñou que "investir nos servizos municipais e nas infraestruturas que os fan posibles é tamén investir na capacidade dos concellos para xerar actividade, mellorar a calidade de vida da veciñanza e crear condicións máis favorables para o desenvolvemento".

O vicepresidente provincial salientou ademais a importancia da colaboración entre administracións para "multiplicar o impacto dos recursos públicos", especialmente nos concellos de menor tamaño, e puxo en valor que actuacións como a de San Sadurniño "permiten mellorar a prestación dos servizos públicos, optimizar os medios municipais e favorecer un modelo de desenvolvemento máis equilibrado e sostible".

Pola súa banda, o rexedor local, Secundino García Casal, sinalou que a achega provincial non só permitirá "mellorar as instalacións para o persoal e os equipamentos", senón tamén "adecentar o espazo na liña de mellorar a súa integración nunha contorna de alto valor ambiental e patrimonial por estar próxima ao paseo fluvial do Xubia e aos xardíns municipais".