Alberto Meira proclámase gañador do Rallyshow das Pontes ante máis de 12.000 persoas
Stig Blomqvist, Miki Biasion, Petter Solberg e Luis Moya fixeron vibrar unhas bancadas cheas desde primeiras horas da mañá nunha xornada que converteu As Pontes na capital galega do motor
Alberto Meira proclamouse este domingo gañador do Rallyshow das Pontes, a cita central da Festa do Motor organizada pola Deputación da Coruña, que congregou durante a xornada a máis de 12.000 persoas que ateigaron o circuíto pontés durante a xornada.
O ambiente comezou a sentirse desde primeira hora. Moito antes do inicio das mangas oficiais, con máis de 30 pilotos inscritos, centos de afeccionados agardaban xa nos accesos e as bancadas foron enchéndose ata presentar unha imaxe multitudinaria. Familias enteiras, seguidores chegados de distintos puntos de Galicia e numerosos afeccionados ao automobilismo acompañaron durante todo o día aos pilotos, nunha xornada marcada polo ruído dos motores, os aplausos e a expectación cada vez que os grandes nomes do rally mundial saían á pista.
Durante a mañá, Stig Blomqvist, Miki Biasion e Petter Solberg, tres nomes que forman parte da historia do Mundial de Rallyes, fixeron gozar especialmente a unhas bancadas cheas de público desde primeiras horas. Xunto a eles estivo tamén o coruñés Luis Moya, bicampión do mundo como copiloto de Carlos Sainz e padriño da cita. O público respondeu con entusiasmo a cada unha das súas aparicións no circuíto, tanto nas exhibicións como nos encontros cos afeccionados.
A competición arrancou cos adestramentos libres e a manga clasificatoria e continuou pola tarde coas eliminatorias de oitavos e cuartos de final, semifinais e a Gran Final, na que Alberto Meira, aos mandos do seu Skoda Fabia R5, conseguiu a vitoria. O segundo posto foi para o veterano Manuel Senra aos mandos do seu Hyundai i20 WRC e a terceira posición para Jorge Pérez, cun Porsche 911 GT3. Tras a final celebrouse a entrega oficial de trofeos, na que participaron o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, o deputado portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, e a concelleira de Deportes das Pontes, Elena López.
O espectáculo non se limitou á competición. Entre manga e manga, as exhibicións e drifts mantiveron a actividade sobre o trazado e contribuíron a crear unha atmosfera de festival arredor do circuíto. O público respondeu enchendo as bancadas, achegándose ás zonas de exposición e seguindo de preto cada saída dos vehículos.
Fóra da pista, un dos puntos con maior ambiente foi a Fan Zone, onde os afeccionados puideron fotografarse cos pilotos e conseguir autógrafos. Os encontros cos campións do mundo convertéronse nun dos momentos máis concorridos da xornada, con longas filas de seguidores que quixeron levar unha lembranza dunha cita excepcional.
A programación incluíu ademais circuíto de educación viaria para os máis pequenos e unha ampla zona de restauración, o que permitiu que a Festa do Motor se vivise durante todo o día tanto dentro como fóra da pista.
A xornada pechouse coa actuación de Sés, que puxo o broche musical a unha fin de semana na que As Pontes se converteu nun gran punto de encontro para os afeccionados ao automobilismo.
