Estás en:Novas

A Deputación apoia o 57.º Rallye de Ferrol, que se disputa esta fin de semana nas estradas de Ferrolterra

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe na presentación dunha proba que se disputará os días 21 e 22 de agosto e que a Deputación apoia con 19.500 euros

O rally, sexta cita do Campionato de Galicia de Rallyes de Asfalto, contará con oito treitos cronometrados e un percorrido de case 400 quilómetros

A Deputación apoia o 57.º Rallye de Ferrol, que se disputa esta fin de semana nas estradas de Ferrolterra

O deputado de Deportes, Antonio Leira, na presentación do rallye

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira Piñeiro, participou hoxe no Concello de Ferrol na presentación da 57.ª edición do Rallye de Ferrol, unha das probas automobilísticas con maior tradición de Galicia, que se disputará os vindeiros venres 21 e sábado 22 de agosto polas estradas de Ferrolterra.

No acto participaron tamén o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente da Escudería Automovilística de Ferrol, Germán Castrillón, así como representantes das distintas administracións e entidades que colaboran na organización da proba.

A Deputación da Coruña apoia este ano o desenvolvemento do Rallye de Ferrol cunha achega de 19.500 euros, dentro da liña provincial de subvencións destinada a financiar grandes eventos deportivos.

Antonio Leira destacou a importancia de "seguir apoiando unha proba histórica, que leva 57 edicións facendo de Ferrol e da súa comarca un referente para as e os afeccionados ao mundo do motor". O deputado subliñou tamén "o enorme traballo que realiza cada ano a Escudería Ferrol e todas as persoas, voluntarias e entidades implicadas para sacar adiante unha competición destas características".

"O Rallye de Ferrol é unha referencia no seu ámbito, atrae numeroso público e impulsa a actividade económica nos municipios polos que discorre. Ese é precisamente o tipo de eventos que queremos fortalecer dende a Deputación", afirmou Leira.

A edición deste ano será a sexta proba puntuable do Campionato de Galicia de Rallyes de Asfalto e contará cun percorrido total de 398,98 quilómetros, dos que 98,83 serán cronometrados, distribuídos en oito treitos. A competición atravesará diferentes puntos de Ferrolterra e da súa contorna, con presenza nos municipios de Ferrol, Monfero, Narón, San Sadurniño, Irixoa e As Somozas.

A actividade deportiva comezará o venres 21 pola mañá co shakedown. Xa pola tarde terá lugar a cerimonia de saída no porto de Ferrol e disputaranse os primeiros treitos cronometrados. A segunda e decisiva etapa desenvolverase o sábado 22, con seis especiais cronometradas.

A proba reunirá novamente algúns dos principais pilotos do automobilismo galego e mobilizará durante as dúas xornadas a numerosos e numerosas afeccionadas ao motor de toda Galicia.