A Deputación licita por 446.844 euros a mellora do firme da estrada de Santiago a Portomouro
A actuación renovará 2,5 quilómetros da DP-0701 e inclúe a mellora integral do firme, a sinalización e os elementos de seguridade viaria
A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación por 446.844,77 euros as obras de mellora do firme da estrada provincial DP-0701 de Santiago a Portomouro, no termo municipal de Santiago de Compostela.
A actuación desenvolverase en dous treitos da estrada, entre os puntos quilométricos 3+800 e 5+100 e entre o 6+400 e o 7+600, o que supón a renovación dun total de 2,5 quilómetros desta vía provincial.
Os traballos inclúen a limpeza das cunetas e a roza dos noiros, así como o fresado e reposición do firme nas zonas puntuais que presentan un maior deterioro. Posteriormente estenderase unha nova capa de mestura bituminosa en quente de seis centímetros de espesor en todo o ancho da calzada nos dous treitos incluídos no proxecto.
A intervención completarase coa renovación da sinalización horizontal, mediante o repintado do eixo e das marxes da estrada, así como dos símbolos e cebreados. Tamén se substituirán ou repararán os sinais verticais e as barreiras metálicas de seguridade que se atopan deterioradas.
A actuación permitirá mellorar as condicións de circulación e seguridade viaria da DP-0701 renovando tanto o pavimento como os principais elementos de sinalización e protección da vía.
O proxecto establece un prazo de execución de cinco meses desde o inicio das obras.
