A Deputación da Coruña apoia a Festa do Lúpulo 2026 para poñer en valor a gastronomía, a cultura e a tradición agrícola de Betanzos
'A paisaxe que sabe' leva á cita dúas propostas: as demostracións de cociña en vivo de Iván Domínguez e da Artesa da Moza Crecha e máis o concerto de Familia Caamagno
"Cando un territorio ten unha historia tan importante coma a do lúpulo en Betanzos, o noso deber como administración é colaborar cos produtores, cos cociñeiros e cos músicos, porque cren nunha festa que é cultura, é economía e é identidade", sinalou a deputada Avia Veira hoxe na presentación da Festa
A Deputación da Coruña reforza o seu apoio á Festa do Lúpulo 2026, unha cita que, na súa segunda edición, do 11 ao 13 de setembro, volverá converter Betanzos nun punto de encontro arredor da cervexa, a gastronomía, a música e a tradición agrícola da comarca.
Hoxe presentouse a cita no Museo Estrella de Galicia, nunha rolda de prensa na que a administración provincial estivo representada pola deputada Avia veira. "Cando un territorio ten unha historia tan importante coma a do lúpulo en Betanzos", sinalou a portavoz do grupo provincial do BNG, "o noso deber como administración é colaborar cos produtores, cos cociñeiros e cos músicos, porque cren nunha festa que é cultura, é economía e é identidade".
Veira salientou tamén a importancia de iniciativas como a Festa do Lúpulo para "fortalecer os sectores produtivos e construír experiencias auténticas baseadas na identidade da provincia". "Esta cita, de recuperación do legado do 'ouro verde', é un exemplo do modelo turístico que queremos impulsar desde a Deputación, baseado na calidade, na autenticidade e na sostibilidade, que pon no centro o territorio e a súa xente".
"Tamén é fundamental para nós tamén porque, ao final, estamos falando de atraer turismo desde a diferenza, desde o que buscamos todas e todos cando cando viaxamos", explicou Veira. «Neste caso, esa diferenza está vinculándoa a un produto coma a cervexa e a un cultivo con tanta historia en Betanzos, demostrando que a tradición pode ser tamén unha ferramenta de innovación e de dinamización turística".
Epicentro nacional da produción de lúpulo
Organizada polos locais hostaleiros La Tasca e A Artesa da Moza Crecha, con apoio do Concello de Betanzos e da Deputación da Coruña, a Festa do Lúpulo nace en Betanzos coma unha homenaxe á cervexa e á tradición agrícola dunha comarca que foi, durante décadas, o epicentro nacional da produción de lúpulo en España.
A Festa do Lúpulo é, segundo os seus promotores, unha celebración temática que xira arredor da cultura cervexeira galega e do papel do lúpulo como símbolo de identidade local. Durante tres días, o evento combina unha oferta de cervexas galegas e internacionais, gastronomía de proximidade e comida galega na rúa, música en directo e folclore tradicional, charlas, obradoiros, catas, demostración de cociña en vivo e outras experiencias gastronómicas interactivas
Colaboración da Deputación
'A paisaxe que sabe', a campaña de Turismo da Deputación, participa na cita coas demostracións de cociña en vivo na carpa pequena instalada, como o resto de actividades, na Praza dos Irmáns García Naveira. O sábado 12, Iván Domínguez, do restaurante Nado (A Coruña), ofrecerá dous pases, coa cervexa como ingrediente principal, ás 12.30 e ás 18.45 horas. O domingo 13 serán Lolo Mosteiro e Paula Martínez, da Artesa da Moza Crecha, os encargados de pechar as demostracións culinarias tamén con dous pases, ás 12.45 e ás 18.45 horas.
A outra proposta que achega 'A paisaxe que sabe' á Festa do Lúpulo é o concerto de Familia Caamagno, que subirá ao escenario da carpa grande o sábado ás 22 horas.
