A Deputación licita por 235.000 euros as obras de renovación do firme da estrada de acceso á Zapateira
A actuación abrangue un tramo de 1,5 quilómetros da DP-3006 e inclúe a renovación completa da capa de rodaxe, limpeza de cunetas e nova sinalización horizontal
As obras terán un prazo de execución de tres meses e realizaranse mantendo sempre un carril aberto ao tráfico
A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de mellora da capa de rodaxe da estrada provincial DP-3006 de acceso á Zapateira, cun orzamento de 235.110,31 euros. A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 2+500 e 4+020, nun tramo de algo máis de 1,5 quilómetros.
O proxecto permitirá renovar o firme nunha vía que soporta unha importante intensidade de tráfico. Na estación de aforo situada no punto quilométrico 2+700, no tramo comprendido entre a AC-14 e a estrada do Real Club de Golf, rexístrase unha intensidade media diaria de 7.557 vehículos, dos que 189 son vehículos pesados.
Os traballos contemplan, en primeiro lugar, o despexe e limpeza das cunetas nas dúas marxes da estrada. Posteriormente realizarase o fresado do firme existente, cunha profundidade de catro centímetros, e estenderase unha nova capa de seis centímetros de mestura bituminosa en quente.
A actuación completarase coa renovación da sinalización horizontal, o recrecido das tapas de rexistro dos pozos e sumidoiros para adaptalas á nova rasante e os correspondentes traballos de xestión de residuos e actuacións accesorias.
As obras executaranse de maneira que se reduzan ao mínimo as afeccións á circulación. Os traballos realizaranse primeiro nunha marxe da estrada e posteriormente na outra, de forma que un dos dous carrís permanecerá aberto ao tráfico en todo momento.
O proxecto non require expropiacións, xa que todos os traballos se desenvolverán dentro do dominio público da estrada provincial. O prazo previsto para a execución completa das obras é de tres meses.
Con esta actuación, a Deputación continúa avanzando na conservación e modernización da rede provincial de estradas, mellorando o estado do firme e a seguridade viaria nun dos principais accesos á zona da Zapateira.
