Estás en:Novas

O Concello de Boiro recoñece ás persoas que contribúen á mellora da sociedade co Distintivo Benestar Social

O Concello de Boiro recoñece ás persoas que contribúen á mellora da sociedade co Distintivo Benestar Social

O Concello de Boiro celebrou este venres unha nova edición do Distintivo Benestar Social, un acto que ten como finalidade promover a labor social e de voluntariado no municipio. O acto contou coa participación do alcalde, José Ramón Romero; o concelleiro de Política Social, Raúl Treus; o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco; a deputada da área e servizos sociais da Deputación da Coruña, Mar García; e o director xeral de Inclusión da Xunta de Galicia, Arturo Parrado.

O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, foi quen abriu o acto e fixo entrega do distintivo da categoría de Superación e Exemplo, que este ano o recibiron as mestras e educadoras das escolas infantís de Boiro pola súa aportación á educación e coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.

A deputada de servizos Sociais, Mar García, fixo entrega do segundo distintivo na categoría de Voluntariado, que este ano o recibiron as persoas voluntarias da asemblea local de Boiro da Asociación Española Contra o Cancro polo seu traballo e contribución á investigación na loita contra o cancro.
O distintivo da categoría de Inclusión entregouno o director xeral de Inclusión, Arturo Parrado, ao equipo de profesionais de Alar Galicia pola súa colaboración con outras entidades sociais e a administración local en prol da inclusión.

Na categoría de Entidade Social os galardoados deste ano foron a asociación Agadea, polo seu traballo en apoio ás familias e a súa innovación continua e apoio ao municipio; entregou o distintivo o delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco.

O acto deste ano contou cun recoñecemento extraordinario que o recibiu Cocó Blanco polo seu traballo de voluntariado en eventos culturais, deportivos e sociais. Entregoulle o premio a galardoada do ano pasado, Digna Torrado.

O último dos distintivos, na categoría de Méritos Extraordinarios, foi para os axentes da Guardia Civil de Boiro polo seu traballo a prol da seguridade e o benestar común. Entregou este distintivo o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que pechou o acto recoñecendo que "dende o concello entendemos que falar de benestar é falar de quen precisa apoio, de quen coida, de quen dedica o seu tempo aos demais e de quen, de xeito altruísta traballa para construír un Boiro máis xusto e mais humano".