Estás en:Novas

O Atlético San Pedro de Oleiros proclámase campión da Copa Deputación de fútbol feminino en Pontedeume

As oleirenses gañaron por 2-0 ao Xallas FC

Bernardo Fernández e Antonio Leira participaron na entrega de premios dunha competición que reparte 12.000 euros en premios

O Atlético San Pedro de Oleiros proclámase campión da Copa Deputación de fútbol feminino en Pontedeume

O Atlético San Pedro de Oleiros gañou este sábado a Copa Deputación de fútbol feminino 2026, tras vencer por 2 - 0 ao Xallas FC, na final disputada no campo da Gándara, en Pontedeume.

As xogadoras do San Pedro levantaron finalmente o trofeo de campioas da Copa Deputación, pechando unha xornada na que Pontedeume se converteu no principal punto de encontro do fútbol feminino galego.

Na entrega de premios participaron o voceiro do goberno provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, que felicitaron ás xogadoras e aos clubs participantes polo nivel deportivo amosado durante a competición. Tamén estiveron presentes na entrega a concelleira de Deportes de Oleiros, Teresa Vázquez, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, así como representantes da Federación Galega de Fútbol.

A Copa Deputación de fútbol feminino reparte 12.000 euros en premios: 5.000 euros para o equipo campión, 4.000 para o subcampión e 1.500 euros para cada un dos dous semifinalistas eliminados.

A Deputación da Coruña continúa así apoiando o fútbol feminino e competicións que contribúen a dar visibilidade ao deporte de base e aos clubs da provincia, nunha xoranda que, a pesar das elevadas temperaturas, volveu congregar numeroso público nas bancadas da Gándara.