Formoso compromete reforzar o apoio da Deputación da Coruña ao Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires para manter viva a lingua e a cultura galega en Arxentina
O presidente provincial visitou a aula de programación e robótica financiada pola Deputación e visitou tamén o Centro Galicia, onde mantivo un encontro coa directiva e con socios e socias da entidade
Máis de 480 nenos e nenas de Primaria e Secundaria aprenden lingua e historia galega neste centro escolar
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, visitou en Bos Aires o Instituto Galego Hispano Arxentino Santiago Apóstol, un centro educativo no que 480 nenos e nenas de Primaria e Secundaria cursan os seus estudos, que inclúen Lingua Galega e Xeografía e Historia de Galicia como materias curriculares obrigatorias.
Formoso e García estiveron acompañados polo presidente da delegación arxentina da Fundación Galicia América, Arturo Pérez Domínguez, e membros da súa xunta directiva e polo director do centro escolar, Carlos Rodríguez Brandeiro, cos que coñeceron o traballo educativo que desenvolve unha institución creada para manter e transmitir ás novas xeracións os vínculos con Galicia.
Durante o percorrido polo colexio, o presidente coñeceu tamén a aula destinada ao traballo co pensamento lóxico, programación e robótica, acondicionada coa colaboración cun investimentyo de 26.600 € da Deputación da Coruña.
O financiamento permitiu dotar este espazo de novo mobiliario e ferramentas educativas dixitais, entre elas kits de robótica, unha impresora 3D e unha pantalla interactiva de 65 polgadas, entre outros materiais tecnolóxicos.
Formoso trasladou aos responsables do Instituto o compromiso da Deputación de continuar apoiando o funcionamento do centro e o gran labor que desenvolve para manter vivas a lingua e a cultura galegas en Bos Aires. "Que preto de 500 nenos e nenas en Bos Aires aprendan galego e estuden xeografía e historia e Galicia é a mellor garantía de que os vínculos construídos durante décadas pola emigración continúen vivos nas novas xeracións", afirmou o presidente.
Formoso destacou que no Insituto Santiago Apóstol "ensínase aos rapaces e rapazas de onde vimos, pero tamén se lles ofrecen ferramentas para afrontar o futuro. Para a Deputación é un orgullo poder contribuír a este proxecto educativo tan esencial. Un colexio que mantén viva a chama da galeguidade entre as novas xeración, e que queremos seguir apoiando e impulsando desde a Deputación", sinalou.
Visita ao Centro Galicia de Bos Aires
A axenda incluiu tamén unha visita de Valentín González Formoso e Rosa Ana García ao Centro Galicia de Bos Aires, unha das entidades históricas de referencia da colectividade galega na Arxentina.
O presidente e a deputada , que foron recibidos ao son da banda de gaitas do centro, mantiveron unha reunión co presidente da entidade, José María Vila Alén, e a xunta directiva, realizaron un percorrido polas súas instalacións e participaron nun encontro con socios e socias, no que tiveron oportunidade de coñecer de primeira man a actividade que desenvolve o Centro e intercambiar impresións sobre a realidade actual da colectividade galega en Bos Aires.
O Centro Galicia foi fundado o 25 de xullo de 1979 como resultado da unión de entidades representativas da emigración procedente das catro provincias galegas. Desde entón desenvolve unha ampla actividade social, cultural e deportiva e mantén vivas tradicións e manifestacións culturais galegas a través da música, o baile, o teatro e outras iniciativas.
Formoso destacou durante o encontro "o traballo de varias xeracións de galegos e galegas que conseguiron construír en Bos Aires institucións que seguen sendo hoxe auténticas casas de Galicia e puntos de encontro para os seus descendentes".
Como símbolo dese vínculo, o presidente da Deputación entregou como agasallo unha das gaitas que a Deputación adquiriu para o grupo de gaitas do Centro Galicia, recoñecendo así o seu labor na conservación e difusión da música tradicional galega.
A visita permitiu tamén poñer de manifesto a estreita relación entre o Centro Galicia e o Instituto Santiago Apóstol. O Centro Galicia foi un dos impulsores do proxecto educativo, que posteriormente se materializou a través da Fundación Galicia América e da apertura do Instituto en 1998, co obxectivo de transmitir a lingua, a cultura e a identidade galegas ás novas xeracións.
Encontro na Embaixada de España
Durante a xornada, Valentín González Formoso e Rosa Ana García visitaron tamén a Embaixada de España na Arxentina, onde mantiveron unha reunión co embaixador, Joaquín de Arístegui, a ministra conselleira, Pilar Terrén, e a conselleira económica e comercial, Paz Quesada.
No encontro analizaron a situación actual da comunidade galega e española residente na Arxentina, a súa realidade social e económica e o peso e impacto que continúa tendo no país. A reunión serviu tamén para abordar os cambios que está experimentando a colectividade coa incorporación de novas xeracións de descendentes de emigrantes e a importancia de manter e reforzar os seus vínculos con Galicia e con España.
