Estás en:Novas

Mar García sinala a importancia de visibilizar a trata e a explotación: “Cambian de forma e buscan novos lugares para ocultarse, pero o feito de que non as vexamos non significa que non existan”

A deputada de Política Social participou hoxe en Santiago na iniciativa da ONG FIET "Ponte nos seus zapatos"

Mar García sinala a importancia de visibilizar a trata e a explotación: “Cambian de forma e buscan novos lugares para ocultarse, pero o feito de que non as vexamos non significa que non existan”

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, participou hoxe en Santiago no acto institucional organizado pola ONG FIET con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Na praza Roxa compostelá desenvolveuse a acción "Ponte nos seus zapatos", cunha instalación que simbolizaba a realidade dos pisos de prostitución que existen na cidade, e deuse lectura a un manifesto.

No transcurso do acto, a través do que se buscaba facer visible un mundo que permanece oculto a ollos de boa parte da sociedade, García advertiu que "a trata e a explotación cambian de forma e buscan novos lugares para ocultarse, pero o feito de que non as vexamos non significa que non existan, e por iso é tan importante visibilizalas".

A deputada provincial sinalou tamén a importancia de dicir "con absoluta claridade" que detrás da explotación sexual "hai redes de proxenetas que se enriquecen, pero tamén hai unha demanda que as sostén". Por iso, chamou a non situar a responsabilidade nas mulleres: "Non podemos pedirlles que denuncien, que demostren continuamente o que viviron ou que enfronte soas a quen as controla, mentres como sociedade evitamos sinalar a quen merca os seus corpos, a quen as explota e a quen se lucra coa súa vulnerabilidade".

Mar García mostroulle a FIET o agradecemento da Deputación polo seu traballo diario "acompañando a mulleres que viviron situacións dificilísimas, axudándoas a recuperar algo que nunca deberon perder: a liberdade para decidir sobre a súa propia vida".