Valentín González Formoso destaca en Aguiño o papel da pesca e do marisqueo como motores da economía de Ribeira
A Deputación apoia a Confraría de Carreira e Aguiño con 30.860 euros para mellorar a comercialización dos produtos do mar e renovar o seu equipamento e instalacións
O presidente percorreu en lancha as zonas de traballo dos socios e asistiu á poxa de marisco na lonxa
A visita a Ribeira incluíu tamén unha reunión coa alcaldesa e a supervisión das obras da estrada de Xarás a Olveira, nas que a Deputación inviste 450.593,47 euros
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, onde destacou o papel da pesca e do marisqueo como motores da economía de Ribeira. A entidade conta este ano con dúas axudas provinciais que suman 30.860 euros para mellorar a comercialización dos produtos do mar e renovar equipamento e instalacións.
Recibido polo patrón maior, José Antonio Santamaría Sampedro, Formoso embarcou nunha lancha para percorrer as zonas de traballo dos socios da confraría no primeiro día de marisqueo libre desta temporada na ría. De regreso ao porto, asistiu na lonxa á poxa do marisco desembarcado durante a xornada e mantivo un encontro con representantes da entidade para coñecer as súas necesidades e proxectos.
"A pesca e o marisqueo sosteñen unha parte fundamental da economía de Ribeira e o emprego de moitas familias. Apoiar as confrarías é axudar a que os profesionais do mar dispoñan de mellores medios para traballar e comercializar os seus produtos nas mellores condicións", afirmou Formoso.
O mandatario provincial puido coñecer de primeira man "o duro traballo e o grande esforzo que fan os nosos mariscadores e mariscadoras". Puxo en valor "a posta en valor e a transformación do produto que vende esta confraría; que ten unha cadea de extracción e comercialización que é para felicitar".
Fundada en 1924, a Confraría de Carreira e Aguiño conta hoxe con 230 socios e agrupa profesionais do marisqueo a flote, do percebe e das artes menores. O presidente salientou o seu papel na organización do sector, na defensa dos intereses dos seus asociados e no aproveitamento sostible dos recursos mariños.
Unha das axudas provinciais deste ano, de 17.360 euros, destínase á adquisición dun remolque isotérmico e á mellora das instalacións. O remolque permitirá transportar o produto fresco desde o punto de descarga ata a lonxa en condicións adecuadas de conservación. A subvención abrangue tamén a renovación de mobiliario, a compra de equipamento, melloras nos espazos e a instalación dun sistema de climatización.
A segunda achega, de 13.500 euros, apoia a contratación dun lonxeiro para mellorar a xestión e a comercialización dos produtos pesqueiros. A iniciativa beneficia directamente 213 persoas dedicadas ao marisqueo a flote e reforza tarefas como a recepción e clasificación das capturas, a etiquetaxe, a organización das poxas e a tramitación da documentación sanitaria. O proxecto incorpora tamén ferramentas dixitais de trazabilidade e plataformas de poxa en liña para ampliar as posibilidades de venda e reducir custos.
Estas achegas dan continuidade á colaboración coa entidade, que recibiu subvencións provinciais nos últimos anos para mellorar a comercialización na lonxa, así como para a adquisición de semente de ameixa.
Santamaría fixo fincapé na utilidade da visita do presidente provincial, pois "axuda a que a xente vexa o importante que é o noso traballo na zona e todo o que elo conleva". Ademais,
Durante o encontro, a confraría presentou tamén a proposta do documental "A nosa historia: illa e continente", co que pretende recuperar a memoria de Carreira e Aguiño a través dos testemuños das persoas maiores e da evolución da pesca e do marisqueo. O proxecto abordará os retos de futuro do sector e o traballo da entidade para protexer a biodiversidade mariña.
Formoso valorou o interese da iniciativa e trasladou que a Deputación estudará as posibilidades de colaboración. "A historia de Carreira e Aguiño está ligada ao mar e ás persoas que viviron del durante xeracións. Recoller os seus testemuños permitirá conservar esa memoria e achegala á xente máis nova. É unha proposta moi interesante que imos estudar coa confraría", sinalou.
Recepción no Concello de Ribeira
A xornada institucional comezou no Concello de Ribeira, onde o presidente foi recibido pola alcaldesa, María José Sampedro Fernández, e membros do goberno municipal. Na reunión abordaron as necesidades do municipio e a colaboración entre ambas as administracións, que se concreta nun investimento provincial de máis de 31,5 millóns de euros desde a chegada de Formoso á presidencia da Deputación da Coruña.
Deste importe, 20,7 millóns corresponden ao Plan Único, que financiou 143 obras e contribuíu ao sostemento dos servizos públicos municipais. "Son recursos que se traducen en mellores infraestruturas e servizos para a veciñanza. Traballamos co Concello para atender as prioridades de Ribeira e chegar ás distintas parroquias", afirmou.
Formoso salientou que, nos últimos once anos, os fondos anuais destinados pola Deputación aos plans de cooperación municipal pasaron de 25 a máis de 150 millóns de euros. "A través do Plan Único destinamos aos concellos da provincia da Coruña máis recursos dos que achega a Xunta mediante o Fondo de Cooperación Local aos 313 municipios galegos. Dámoslles financiamento e autonomía para decidir onde investir, porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades da súa veciñanza", apuntou.
A mellora da estrada de Xarás a Olveira, moi avanzada
Tras a recepción, Formoso e a alcaldesa, acompañados pola deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, supervisaron as obras da estrada provincial DP-7304, de Xarás a Olveira, que se atopan moi avanzadas. A actuación abrangue un tramo de catro quilómetros e conta cun orzamento de 450.593,47 euros para renovar o firme e mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade.
Os traballos inclúen a reparación do pavimento deteriorado e a aplicación dunha nova capa de asfalto de cinco centímetros en todo o ancho da calzada. Tamén contemplan a limpeza das marxes e dos paseos peonís, a adaptación das tapas de rexistro e dos sumidoiros e a execución de rebaixes nos pasos de peóns onde a configuración das beirarrúas o permita.
A intervención complétase coa instalación de proteccións nos pasos sobre as cunetas da senda peonil, a renovación das marcas viarias e o reforzo da sinalización, especialmente nos pasos de peóns. As bandas sonoras e os elementos reflectores nas beiravías contribuirán tamén a mellorar a seguridade.
"Esta obra mellora a circulación e fai máis seguros os desprazamentos a pé. Ademais de renovar o firme, actuamos sobre a accesibilidade e a protección das persoas que utilizan esta estrada cada día", explicou Formoso. Pola súa banda, Sampedro incidiu na "importancia da colaboración institucional para mellorar estradas coma esta ou outras, como, por exemplo, a estrada dende o campo de fútbol ata o camping de Balteiro, na parroquia de Oleiros".
